Este mércores comeza en Compostela o xuízo penal contra o xefe de planta do Corte Inglés de Santiago denunciado por unha traballadora do centro comercial por acoso sexual. Os feitos foron xa probado polo xulgado do Social e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en dúas sentenzas que consideraron confirmados os feitos e condenaron a empresa a indemnizar á empregada.
Isabel Fraga sufriu acoso sexual entre 2012 e 2016 por parte do seu superior directo en El Corte Inglés
Con todo, a CIG sinala a importancia deste novo xuízo pola vía penal, do que agarda que saia unha sentenza "exemplar para que tanto El Corte Inglés como o resto das empresas tomen nota e comecen a tomar en serio as situacións de acoso que, por desgraza, se producen día a día no mundo laboral”. Ademais, o xulgado de Instrución nº 3 de Santiago abriu dilixencias penais contra os directivos do centro de El Corte Inglés da cidade e contra o seu director en Galicia, por non ter reaccionado de forma axeitada ante as acusacións de acoso. Xa no ano 2017 El Corte Inglés foi condenado por consentir o acoso sexual e moral a unha traballadora do centro de oportunidades de Altamira (Cambre).
Isabel Fraga comezou a traballar en El Corte Inglés no ano 2000 e no ano 2006 o denunciado por acoso sexual converteuse no seu superior inmediato, iniciándose no ano 2012 os feitos obxecto de investigación, que foron denunciados internamente en varias ocasións, por exemplo ante o Xefe de Persoal. Porén, non se activou de inmediato unha investigación, como prevé o procedemento de prevención e tratamento de situacións de acoso moral e sexual para a empresa Hipercor.
A comisión interna da empresa detectou "insinuacións e comentarios molestos e humillantes de contido sexual, proposicións de carácter sexual directas e indirectas, xestos obscenos e rozamentos innecesarios"
En novembro do ano 2016, a traballadora iniciou unha baixa médica con diagnóstico de "trastorno depresivo grave" e interpuxo denuncia ante a Comisión Instrutora para o Tratamento e Investigación de Situacións de Acoso (CITSA), un órgano de control interno da empresa, sinalando que viña padecendo unha situación de acoso sexual e moral no traballo por parte do Xefe de Planta.
De inmediato a Comisión iniciou unha investigación, entrevistando á traballadora afectada e a outros empregados e empregadas, concluíndo que si se producira a situación de acoso sexual denunciada e sinalando "insinuacións e comentarios molestos e humillantes de contido sexual, comentarios obscenos, proposicións de carácter sexual directas e indirectas, tocamentos, xestos obscenos e rozamentos innecesarios".
"Quedou en evidencia que pola dirección empresarial non se adoptou ningunha medida correctiva, que nin sequera se molestou en investigar os feitos", destaca a sentenza
Segundo varios dos seus compañeiros e compañeiras, a actitude do denunciado era coñecida por todo o mundo. "É 'moi de chistes verdes' e de ensinar no seu teléfono móbil 'fotos e vídeos de contido sexual', así como de facer comentarios obscenos ao persoal feminino, incluso facendo proposicións de carácter sexual", recollíase no informe. "Qué pechotes", "menudos cántaros de miel", "por qué non te vienes a la cama conmigo?", "qué pena que llevas pantalón", foron algunhas das frases textuais denunciadas. Algunha das empregadas destacaba que "hai xente que lle segue o xogo por medo, comentan, xa que adoita tomar represalias se non entras no seu xogo".
O 1 de febreiro de 2017 foi remitido ao Xefe de persoal o informe de conclusións do CITSA e o 10 de febreiro a empresa procedeu ao despedimento disciplinario do Xefe de Planta denunciado. Porén, Isabel Fraga denunciou a El Corte Inglés "polos danos psicolóxicos e morais sufridos". O Xulgado do Social condenou á empresa a indmnizala con máis de 42.000 euros, unha sentenza que foi posteriormente confirmada polo TSXG.
"Eu daquela non sabía que o acoso que eu sufría tamén o estaban sufrindo outras mulleres. Son cousas que ti non comentas e que saen á luz despois, cando te decides a denunciar"
Os tribunais consideraron acreditada "a existencia de comportamentos por parte do seu superior que son constitutivos de acoso sexual, que vulneran os seus dereitos fundamentais, como son, a dignidade e a integridade psíquica e moral, sendo sometida a actora a un trato que por grave e persistente, non pode ser cualificado dunha mera situación de conflito ou de simples enfrontamentos laborais no seo dunha empresa". Ademais, os ditames sinalaron que os feitos denunciados foron xa detectados pola empresa en abril de 2016, "primeiro a través das queixas do marido da denunciante", traballador tamén en El Corte Inglés, "e despois directamente".
"Quedou en evidencia que pola dirección empresarial non se adoptou ningunha medida correctiva, que nin sequera se molestou en investigar os feitos", destaca a sentenza. A empresa argumentou que realizara un "duro apercibimento verbal" ao Xefe de Planta denunciando, pero apenas dous meses despois o acusado foi ascendido, sendo nomeado Xefe de Planta do terceiro andar, mantendo o seu cargo de Xefe de Planta dos departamentos situados no soto. "Lonxe dunha reprobación da súa conduta, máis ben reflicte unha boa consideración da súa forma de traballo", sinala o ditame. Isabel Fraga levou tamén a súa denuncia ao programa Salvados, que o pasado outono dedicou un dos seus programas ao acoso sexual no traballo.
"É algo que ten montado esta xente. Consideran normal que ás empregadas lles digan cousas, que as toquen, que as soben..."
"Eu daquela non sabía que o acoso que eu sufría tamén o estaban sufrindo outras mulleres. De sabelo, poderiámonos ter xuntado. Son cousas que ti non comentas e que saen á luz despois, cando ti te decides a denunciar unha situación de acoso sexual. Entón moita xente che di: "pois a min tamén, a min tamén, a min tamén...”, explica Isabel Fraga en conversa con Praza.gal.
"Máis adiante, falando con xente doutros centros de El Corte Inglés de toda España, descubrín que o que pasaba no centro de Santiago, sucedía tamén en moitos outros lugares. É algo que ten montado esta xente, que ao final funciona como unha seita. Consideran normal que ás empregadas lles digan cousas, que as toquen, que as soben...", denuncia.
O home de Isabel Fraga sufriu "acoso discriminatorio"
O TSXG recoñeceu que Manuel Cao sufriu "acoso discriminatorio por asociación"
El Corte Inglés foi tamén denunciado polo marido de Isabel Fraga, Manuel Cao, traballador da empresa dende 1985 e tamén Xefe de Planta no centro comercial compostelán. En abril de 2016 Manuel Cao denunciou a situación de acoso que sufría a súa dona ante os responsables de persoal da compañía en toda Galicia. Porén, nada se fixo e a Cao mesmo lle pediron que convencera á súa compañeira de non ir a xuízo como testemuña no caso do despedimento doutro traballador. Ademais, foi recriminado por non ter "parado" a denuncia de acoso no CITSA.
Esta situación xerou nel un importante estrés, que lle acabou provocando unha anxina de peito e unha valoración psicolóxica de “trastorno adaptativo mixto, reactivo a estrés laboral” que o obrigou finalmente a deixar o seu traballo. O TSXG recoñeceu que Manuel Cao sufriu "acoso discriminatorio por asociación" e obrigaron a El Corte Inglés a indemnizalo con 224.000 euros. "Con 58 anos, imaxínate, rompeunos a vida toda, eu levaba máis de tres décadas na empresa", destaca o afectado en conversa con Praza.gal.
"Con 58 anos, imaxínate, rompeunos a vida toda, eu levaba máis de tres décadas na empresa", di o home
Aquela foi unha sentenza "pioneira", destaca Manuel Cao, lembrando o Tribunal Superior que "é acoso a situación en que se produce un comportamento non desexado relacionado co sexo dunha persoa (a esposa do recorrente) o propósito ou o efecto de atentar contra a dignidade da persoa (o recorrente) e de crear unha contorna intimidatoria, hostil, degradante ou ofensiva". Ademais, o ditame advertiu á empresa de que as presións exercidas conta o home unha vez coñecidas as denuncias realizadas pola súa muller supuxeron "unha vulneración da garantía de confidencialidade que debe rexer a recta aplicación dun protocolo antiacoso, cuxa finalidade é precisamente evitar danos persoais pola tramitación dunha denuncia naquelas persoas relacionadas cos feitos".
"Dar exemplo" a outras empresas
"Ogallá poidan cambiar as cousas nesa empresa, polo ben da xente que segue traballando aí e que pode sufrir o que eu sufrín"
A CIG, que asesorou os dous traballadores neste proceso, agarda que a sentenza que se dite tras do xuízo pola vía penal que comeza este mércores “sexa exemplar" e lamenta "que sexan as vítimas as que teñen que marchar da empresa malia ter unha traxectoria laboral impecable de anos". Roberto Alonso, representante do sindicato, denuncia "a actitude machista" da dirección do Corte Inglés, “que presupón que o home ten que controlar o que fai a muller”, pero sobre todo denuncia que falaran con el por non ter parado a denuncia por acoso no CITSA, cando “este tipo de casos teñen que ser confidenciais”.
De igual xeito Manuel Cao e Isabel Fraga esperan que este novo xuízo sirva "como exemplo" a El Corte Inglés e a outras empresas. "Aínda hai xente en El Corte Inglés, dentro dese grupo de 'amiguitos', que o están defendendo, que din que é inocente, que foi un complot contra el no que nos unimos catro para facerlle a vida imposible. A ver se así recapacitan", di Isabel Fraga, que conclúe: "Ogallá poidan cambiar as cousas nesa empresa, polo ben da xente que segue traballando aí e que pode sufrir o que eu sufrín, pero non teño moita esperanza".