A Universidade de Vigo instala dispensadores de tampóns e compresas de balde nas súas facultades

Unha estudante da Universidade de Vigo empregando unha das máquinas instaladas en Ciencias Experimentais © Uvigo

No ano 2018 Escocia converteuse no primeiro territorio do planeta en ofrecer de balde produtos para a menstruación (tampóns e compresas) co obxectivo de rematar coa 'pobreza menstrual' e rematar co tabú sobre a dispoñibilidade destes produtos en espazos públicos. A medida comeza a ser imitada noutros lugares e esta semana a Universidade de Vigo vén de anunciar a instalación nas vindeiras semanas de 25 máquinas nas facultades e escolas dos seus tres campus.

As máquinas expenden caixas con tres tampóns ou tres compresas e cada estudante pode empregalas ata un máximo de tres veces cada mes

Os dispensadores funcionan mediante a lectura dos códigos de barras da tarxeta universitaria das alumnas. As máquinas expenden caixas con tres tampóns ou tres compresas, segundo a elección das mulleres e cada estudante pode empregalas ata un máximo de tres veces cada mes. Os primeiros dispositivos foron xa instalados en varios baños do edificio de Ciencias Experimentais, nun acto no que estiveron presentes a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez e a decana de Bioloxía, Mercedes Gallardo. 

A vicerreitora Mónica Valderrama e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez ante o primeiro dos dispensadores instalados © Uvigo

A futura Lei de Dereitos Sexuais e Reprodutivos xa contempla esta medida para todos os centros educativos. “Nós adiantámonos un pouco a esta normalización”, di Águeda Gómez

O pasado ano, coincidindo coa celebración do Día da Muller, a Universidade de Vigo xa iniciou a distribución, de balde, destes produtos de hixiene feminina ás estudantes. Nos últimos meses fíxose a través das delegacións de alumnado, mentres non se completaba o proceso para a instalación destas máquinas. A futura Lei de Dereitos Sexuais e Reprodutivos xa contempla esta medida para todos os centros educativos, ademais de organismos públicos, centros penais ou centros sociais. “Nós adiantámonos un pouco a esta normalización”, salientou Águeda Gómez, que cre que a instalación destas máquinas será un “punto de inflexión para un cambio de paradigma”.

"Trátase de normalizar algo que xa debería ser normal como é menstruación”, di Águeda Gómez  

"Trátase de normalizar algo que xa debería ser normal como é menstruación”, di Gómez, que subliña que a medida busca “dignificar unha necesidade fisiolóxica que as mulleres temos sen que sexa opcional e acabar así coa cegueira de xénero de institucións como a universitaria que semellaba estar deseñada só para as necesidades específicas dos homes e agora, por fin, contempla a metade da humanidade, que somos as mulleres”.

As máquinas expenden caixas con tres tampóns ou tres compresas, segundo a elección das mulleres e cada estudante pode empregalas ata un máximo de tres veces cada mes © Uvigo

“É un gasto ridículo nun orzamento dunha institución grande pero que ten implicacións non só materiais, senón tamén simbólicas"

A acción tivo un custe de arredor de 200.000 euros para a licitación das máquinas, aos que se suman entre 5.000 e 6.000 euros cada seis meses para mercar os produtos de xestión menstrual. “É un gasto ridículo nun orzamento dunha institución grande pero que ten implicacións non só materiais, senón tamén simbólicas, xa que esta medida é un paso adiante para visibilizar e dignificar unha das necesidades propias das mulleres que ata agora tiña un estigma”, destaca Águeda Gómez.

"Axuda a eliminar un tabú instaurado nas universidades e na sociedade en xeral"

A medida “axuda a eliminar un tabú instaurado nas universidades e na sociedade en xeral. Creo que será unha medida moi ben recibida entre todos, tanto mozas como mozas, é algo necesario”, subliñou Aida Luaces, estudante de Bioloxía, unha das primeiras alumnas que empregou os dispensadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.