A Xunta leva tres anos incumprindo unha sentenza que anula 47 nomeamentos de cátedra nos conservatorios superiores

Conservatorio profesional de música de Santiago © Xunta

A parte recorrente viuse obrigada o pasado mes de setembro a solicitar a "execución forzosa" da sentenza, do ano 2019, que a Consellería levará a cabo o vindeiro curso

En outubro de 2019 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou un dos apartados da convocatoria para o acceso a cátedra no ensino superior de música, que a Xunta lanzara un ano antes. A sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG deixou sen efecto o nomeamento de 47 catedráticos e catedráticas nos conservatorios superiores. Porén cando xa pasaron dous anos e medio, o Goberno galego segue sen cumprir o ditame, que non será efectivo cando menos ata o inicio do vindeiro curso.

A sentenza é firme dende o mes de xuño do pasado ano e a parte recorrente viuse obrigada o pasado mes de setembro a solicitar a súa "execución forzosa", o que semella que finalmente levará á Consellería de Educación a realizar os trámites necesarios para aplicala no curso 2022-23, anulando as 47 cátedras.

Conservatorio superior de música de Vigo © Xunta

O legal, en base á Lei Orgánica 2/2006 e ao Real Decreto 276/2007, é que neste tipo de convocatoria se esixa unha titulación de doutoramento ou master para acreditar a formación da persoa aspirante ao posto de catedrático ou catedrática e tamén a súa "capacidade de tutela na investigación". Porén, a convocatoria lanzada pola Consellaría de Educación incluíu unha excepción que permitía o acceso para calquera persoa que impartira un mínimo de catro cursos de docencia nun centro superior de ensino artístico e ter sido titor ou titora de cando menos un Traballo Final de Estudos (TFE).

Contravindo a lexislación estatal, a convocatoria lanzada pola Consellaría de Educación incluíu unha excepción que permitía o acceso para calquera persoa que impartira un mínimo de catro cursos de docencia nun centro superior de ensino artístico e ter sido titor ou titora de cando menos un Traballo Final de Estudos

O recurso presentado contra a convocatoria lembraba que a lexislación vixente establece as condicións e acreditacións necesarias para o acceso a cátedra e que a excepción introducida pola Xunta "abre unha vía ao acceso á condición de catedrático a persoas que non realizaran labor ningunha de investigación nin se molestaron en formarse", denunciando que resultaba "totalmente arbitrario e contrario a dereito, así como discriminatorio respecto daqueles aspirantes que si cumpren con todos os requisitos establecidos normativamente para poder acceder á cátedra". A sentenza do TSXG deulle a razón á demandante, sinalando que se infrinxiran os principios de igualdade, mérito e capacidade e declarando a nulidade da base impugnada e deixando sen efecto os nomeamentos.

Malia que a sentenza que se deu a coñecer en outubro do 2019, a Consellería non iniciou os trámites para anular os nomeamentos de cara ao curso 2020-21 nin de cara ao curso 2021-22, mesmo a pesar que a sentenza era firme dende o mes de xuño de 2021

En xullo do ano 2019 o Ministerio de Educación, a proposta da Consellería de Educación, nomeara funcionarios de carreira, ás persoas seleccionadas na convocatoria impugnada. Malia que a sentenza que se deu a coñecer en outubro dese ano, a Consellería non iniciou os trámites para anular os nomeamentos de cara ao curso 2020-21 nin de cara ao curso 2021-22, mesmo a pesar que a sentenza era firme dende o mes de xuño de 2021.

O pasado 10 de febreiro deste ano 2022 finalmente o conselleiro de Educación ditou unha resolución para a execución da sentenza, que se fará a partir do vindeiro curso. Porén, a Consellería previamente procederá a revisar a documentación presentada por todos os candidatos agora excluídos para outorgarlles un trámite de alegacións para poder acreditar de novo se no momento da convocatoria cumprían as condicións legais de acceso (máster ou doutoramento).

Conservatorio superior de música da Coruña © Xunta

O profesorado prexudicado pola actuación do Goberno galego denuncia que a Xunta buscaba favorecer un determinado grupo de mestres e mestras que levaban moitos anos como interinos e interinas nesas prazas, consolidándoas de forma case automática

Educación explica que "a execución definitiva da sentenza resulta complexa" polo "eventual número de afectados" e pola complexidade dos trámites, nos que deben intervir Ministerio e Consellería. As 46 persoas afectadas (unha delas faleceu) recuperarán a súa condición de servizo activo no corpo de profesorado de música e artes escénicas.

Dende o grupo de aspirante ao acceso á cátedra que foron prexudicados pola excepción introducida na convocatoria de 2018 denúnciase que con esta modificación a Xunta buscaba favorecer a un determinado grupo de mestres e mestras que levaban moitos anos como interinos e interinas nesas prazas, consolidándoas de forma case automática "a través dun concurso de méritos". "Entraron exactamente aquelas persoas que a Xunta quería que entrasen, nunha convocatoria ad hoc", critícase. Pola contra, prexudicouse sobre todo a profesorado novo, con mellor formación e que cumpriu coa lexislación e cos requisitos fixados pola lexislación.

"Os primeiros prexudicados son os alumnos, que careceron de profesorado que saiba dirixir un traballo de investigación. Despois, os mestres que quedaron sen acceso á catedra. E tamén moitos interinos que non puidemos optar a prazas legalmente vacantes"

"O principal problema son os prexuízos que todo este proceso de tantos anos provocou a terceiras persoas", di un dos profesores que sufriu os efectos negativos do incumprimento da sentenza. "Os primeiros prexudicados son os alumnos, que careceron nestes anos de profesorado que saiba dirixir un traballo de investigación. Despois, por suposto, os mestres e mestras que quedaron sen o acceso á catedra. E finalmente tamén moitos interinos e interinas que non puidemos optar a unha serie de prazas que legalmente estaban vacantes". "Hai moitas persoas prexudicadas que pode que no futuro reclamen nos tribunais os danos ocasionados por estas decisións e as indemnizacións que corresponda", engade.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.