O Goberno galego vén de anunciar a relaxación das restricións aplicadas á hostelaría, cando menos nos seus espazos exteriores. Despois da reunión do Comité Clínico que asesora á Consellaría de Sanidade, decidiuse aumentar a capacidade máxima permitida nas terrazas de bares e restaurantes e tamén do ocio nocturno. O obxectivo é fomentar a utilización destas zonas ao aire libre, nas que as posibilidades de contaxio son menores, axudando así ao sector da hostelaría a recuperar a súa actividade.
O obxectivo é fomentar a utilización destas zonas ao aire libre, nas que as posibilidades de contaxio son menores, axudando así ao sector da hostelaría a recuperar a súa actividade
As novas medidas entrarán en vigor na medianoite do venres ao sábado e veñen acompañadas dunha actualización dos distintos niveis aplicados a cada localidade en función da súa situación epidemiolóxica. A partir desa data non haberá ningunha localidade no nivel máximo e só ficarán 33 en nivel alto (ata agora eran 55). Entre eses concellos en nivel alto seguen estando A Coruña e Vigo, pero o resto das urbes pasarán a estar en nivel medio, unha categoría na que xa se atopaban Compostela e Ourense e na que pasan a estar tamén Ferrol, Lugo e Pontevedra.
Na hostalaría os cambios non afectan ao nivel máximo, pero si ao alto (a capacidade máxima das terrazas pasa do 50% ao 75%) e ao medio (a capacidade nas terrazas aumenta do 50% ao 100%)
Entre os cambios aplicados nas normas, destaca o aumento da capacidade máxima permitida en todos os niveis. Na hostalaría os cambios non afectan ao nivel máximo, pero si ao alto (a capacidade máxima das terrazas pasa do 50% ao 75%) e ao medio (a capacidade nas terrazas aumenta do 50% ao 100%). No ocio nocturno os principais cambios afectan aos niveis máximo e alto, nos que o interior de pubs e discotecas seguirá pechado ao público, pero nos que as terrazas poderán ter unha ocupación do 75%. Nos niveis medio e baixo increméntase o nivel de ocupación permitido no interior dos locais de ocio nocturno do 30% ao 50%.
Comezo da vacinación dos mozos e mozas de 14 a 16 anos
Cada vez é menor a media de idade dos pacientes que ingresan no hospital ou morren despois de contraer a COVID. Nestes momentos unha persoa de 16 anos está na UCI e nos últimos días faleceu unha muller de 56
Na rolda de prensa posterior ao Comité Clínico, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou a mellora dos datos de incidencia en Galicia, destacando que por desgraza esta mellora aínda non se traduce nun descenso da ocupación hospitalaria e no número diario de falecementos. García Comesaña fixo un chamamento a "non baixar a garda" ante o virus, dado que se está a rexistrar un incremento dos contaxios entre a poboación máis vulnerable por idade (as persoas maiores de 80 anos) e, ademais, que cada vez é menor a media de idade dos pacientes que ingresan no hospital despois de contraer a COVID. Destacou, por exemplo, que nestes momentos está na UCI unha persoa de 16 e que nos últimos días faleceu unha muller de 56 anos.
En canto ao proceso de vacinación, o conselleiro de Sanidade subliñou os bos datos de Galicia e anunciou que a vindeira semana comezará a vacinación dos mozos e mozas entre 14 e 16 anos.
Entre os concellos en nivel alto seguen estando A Coruña e Vigo, pero o resto das urbes pasarán a estar en nivel medio
Un total de 33 concellos estarán a partir do sábado en nivel alto. Trátase de Fisterra, Laxe, Malpica, Muxia, A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Camariñas, Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Pontedeume, Cabanas, Ares, Rábade, A Rúa, O Barco, O Grove, Meis, Bueu, Ponte Caldelas, Redondela,Tui, Vigo, Arbo, As Neves, Nigrán, Tomiño, O Rosal, Ponteareas e A Cañiza.
Ademais, 72 localidades situaranse en nivel medio. Os restantes 208 concellos estarán no nivel mínimo de restricións.