En agosto de 2017 o xornalista Valentín Carrera publicou no seu blog e no xornal La Nueva Crónica un artigo de opinión titulado La verdad sobre la incineradora de Cosmos. moi crítico coa empresa que explota unha mina a ceo aberto en Triacastela, a poucos metros da Cova Eirós, e que tamén impulsou unha incineradora en Toral de los Vados (León).
O tribunal conclúe que o artigo está "amparado pola liberdade de expresión"
A cementeira demandou a Carrera por unha suposta vulneración do seu dereito á honra e esixiu a retirada do texto, levando a súa reclamación aos tribunais. A pasada semana o Xulgado de 1ª Instancia nº 6 de Vigo desestimou integramente a demanda e condenou a Cosmos a pagar as custas do xuízo. O tribunal conclúe que o artigo está "amparado pola liberdade de expresión" e que o seu contido amosa "a súa opinión e posicionamento persoal, claramente baseado en datos obxectivos e consecuencias de actividades industriais análogas noutras latitudes, como se revela na documentación achegada coa contestación".
O Colexio de Xornalistas celebrou este luns a desestimación da demanda, sinalando que "a xudicalización dalgúns asuntos non pode ser a excusa para interferir con dereitos básicos para o exercicio do noso labor profesional, como a liberdade de información ou a liberdade de expresión". O Colexio xa lle advertira a Cementos Cosmos que "o dereito de rectificación é a ferramenta xornalística para responder no mesmo medio e con igual extensión e relevancia gráfica ás supostas ofensas sen necesidade de acudir aos tribunais".
O Colexio de Xornalistas celebrou este luns a desestimación da demanda
O artigo denunciado facía fincapé en que "a empresa se presenta en sociedade como un mirlo verde e en todas as súas webs apela á sostibilidade e ao seu compromiso co medio ambiente", comparando esta estratexia branqueadora de empresas altamente contaminantes coa que ENCE leva a cabo en Galicia
