A xustiza gratuíta atendeu 50.000 asuntos en Galicia o pasado ano, cun aumento dos casos de violencia de xénero

Protesta de avogadas e avogados pola situación da quenda de oficio © Venia

Cada ano os colexios de avogados de Galicia xestionan máis de 50.000 solicitudes de acceso á asistencia xurídica gratuíta, servizo que emprestan milleiros de profesionais dados de alta para este labor

"A xustiza gratuíta é un servizo público esencial que moita xente só valora de verdade no momento en que, por unha ou outra razón, o ten que utilizar". Centos de avogados e avogadas que emprestan en Galicia a asistencia xurídica gratuíta -na que se inclúe a quenda de oficio e a defensa a cargo dun avogado ou avogada para as persoas que non contan con recursos- levan meses de mobilizacións en demanda de mellores condicións laborais e económicas. Na conversa que mantivermos con varias destas profesionais, unha delas quixo facer fincapé con esta frase na importancia deste servizo, non sempre considerado de maneira axeitada.

A pasada semana presentouse o XVIII Informe do Observatorio de Xustiza Gratuíta do Consello Xeral da Avogacía Española, que recolle datos sobre a prestación deste servizo durante o ano 2023. O pasado ano, os e as profesionais da xustiza gratuíta en Galicia atenderon máis de 50 mil expedientes (52.614), dos que 31.105 corresponderon á quenda de oficio, 17.969 á asistencia letrada e 3.540 a casos de violencia de xénero.

Máis da metade dos expedientes corresponden á quenda de oficio, aos que hai que sumar outros servizos xurídicos gratuítos aos que poden acceder as persoas con poucos recursos ou as vítimas de violencia de xénero

Cada ano os colexios de avogados de Galicia xestionan máis de 50.000 solicitudes de acceso á asistencia xurídica gratuíta, servizo que emprestan milleiros de profesionais dados de alta para este labor. A cifra total non variou moito nos últimos anos , movéndose entre os 50 e os 57 mil expedientes. Máis da metade corresponden á quenda de oficio (31.105 casos o pasado ano), que moitas veces se aplica de urxencia, en momentos no que a persoa que necesita assistencia non pode nese momento acceder ao seu avogado. Máis dun terzo corresponde á asistencia letrada que reciben as persoas que non se poden permitir economicamente outro tipo de asistencia xurídica.

O número de asuntos relacionados coa atención ás vítimas de violencia de xénero aumentou un 18% o pasado ano e duplicouse dende o 2013

Nos últimos anos veu medrando, ademais, o número de asuntos relacionados coa atención ás vítimas de violencia de xénero, que teñen garantido o acceso á asistencia xurídica gratuíta "con independencia da existencia de recursos para litigar". No ano 2023 foron 3.540 os casos en Galicia, un 18% máis que no ano anterior e case o dobre que hai unha década.

A importancia da xustiza gratuíta pode comprobarse na súa dimensión económica. O informe do Consello Xeral da Avogacía Española valora en máis de 12 millóns de euros o custo da asistencia xurídica gratuíta en Galicia no ano 2023, o 70% correspondente á quenda de oficio. 

O informe do Consello Xeral da Avogacía Española valora en máis de 12 millóns de euros o custo da asistencia xurídica gratuíta en Galicia no ano 2023

Este custo non é desembolsado polos usuarios e usuarias do servizo (é gratuíto), senón polo Estado, que financia a prestación deste dereito constitucional abonando unha serie de tarifas fixas aos avogados e avogadas que o exercen. Porén, unha das denuncias destes profesionais é que esta contía abonada non é en absoluto suficiente para compensar os seus gastos, denunciando que en moitas ocasións mesmo están a perder cartos á hora de emprestar esta asistencia.

Nos colexios de avogados galegos os servizos de asistencia xurídica gratuíta contaban o pasado ano con 2.853 avogadas e avogados de alta, das que o 53% eran mulleres

Nos colexios de avogados galegos os servizos de asistencia xurídica gratuíta contaban o pasado ano con 2.853 avogadas e avogados de alta, das que o 53% eran mulleres, que son maioría en todas as áreas, agás Ourense

En total, os profesionais dados de alta para emprestar este servizo gratuíto para a cidadanía eran algo máis do 40 por cento (o 41,8%) do total de 6.823 avogados e avogadas exercentes en Galicia.

A Coruña é a área que reúne un maior número de profesionais de alta na quenda de oficio, pero tamén onde a proporción sobre o total de avogados exercentes é menor, apenas o 32%, case dez puntos por debaixo da media galega e case vinte puntos por debaixo de Ferrol, Pontevedra e Lugo.

Un traballo que "non está suficientemente recoñecido"

O Colexio de Avogados da Coruña salienta que "é importante recoñecer o traballo da avogacía adscrita á Quenda de Oficio, que proporciona un servizo excepcional e profesional, aínda que en moitas ocasións pasa desapercibido"

Ante a presentación destas cifras, o Colexio de Avogados da Coruña, salientou que "é importante recoñecer o traballo da avogacía adscrita á Quenda de Oficio, que proporciona un servizo excepcional e profesional, aínda que en moitas ocasións pasa desapercibido". "O seu valor non está suficientemente recoñecido, nin a nivel económico nin pola sociedade e esquecémonos de que son un servizo esencial para o Estado de dereito", engade a entidade.

Con motivo da celebración do Día da Xustiza Gratuíta e a Quenda de Oficio, o Colexio de Avogados da Coruña recoñeceu o pasado venres 12 de xullo o labor dos avogados e avogadas que levan máis de 25 anos adscritas á Quenda de Oficio de maneira ininterrompida coa entrega duns diplomas conmemorativos a unha representación deste colectivo. Desta maneira, desde o Colexio quérese "agradecer o traballo da avogacía en ofrecer un servizo que garante un dos dereitos constitucionais da cidadanía".

En novembro o sindicato Venia iniciou unha folga dos avogados e avogadas que desempeñan a quenda de oficio en demanda dunha regulación da súa actividade que lles outorgue os dereitos laborais dos que gozan a maioría dos traballadores e tamén unha mellora da súa retribución económica

O pasado mes de novembro o sindicato Venia iniciou unha folga dos avogados e avogadas que desempeñan a quenda de oficio en demanda dunha regulación da súa actividade que lles outorgue os dereitos laborais dos que gozan a maioría dos traballadores e tamén unha mellora da súa retribución económica. A resposta das administracións -no caso de Galicia a Xunta, pois as competencias en Xustiza están transferidas- foi nula, o que obrigou ao colectivo en folga -agrupado no movemento Marea Negra- a intensificar as medidas de presión. 

Reclaman en primeiro lugar a aprobación dun estatuto xurídico propio para os avogados de oficio "porque agora estamos nun limbo, nunha situación na que non se nos recoñece ningún dereito: non temos dereito a baixas médicas, non temos dereito a que coticen por nós, malia estar emprestando un servizo público, non temos dereito a conciliación de ningún tipo, pois temos que traballar aínda que nos morra un familiar ou teñamos problemas derivados dun embarazo...". 

Concentración ante o Parlamento en protesta pola situación da quenda de oficio © Venia

Nos últimos meses, os avogados e avogadas que ata agora ofrecían os servizos de xustiza gratuíta comezaron a darse de baixa do servizo. Nos partidos xudiciais de menor tamaño, coma Lalín, A Estrada ou Corcubión o efecto foi inmediato

A segunda reivindicación é económica. En xuño un informe da Comisión Europea revelou que España é o terceiro país da UE que peor remunera aos avogadas e avogados da quenda de oficio, só por detrás de Chipre e Lituania. En resposta, o Consello Xeral da Avogacía Española emitiu unha declaración en defensa da xustiza gratuíta, esixindo "unha actualización urxente dos baremos", incluír "actuacións que actualmente non están remuneradas" e "poñer fin aos insostibles atrasos nos pagamentos".

Nos últimos meses, os avogados e avogadas que ata agora ofrecían os servizos de xustiza gratuíta comezaron a darse de baixa do servizo. Nos partidos xudiciais de menor tamaño, coma Lalín, A Estrada ou Corcubión o efecto foi inmediato, e ao non haber profesionais inscritos de maneira voluntaria, os Colexios provinciais tiveron que chamar a outros colexiados, que contan coa obriga de dar este servizo que anteriormente era voluntario. 

Ante a falta de resposta por parte da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta, as baixas continúan a incrementarse e a falta de profesionais voluntarios comeza a afectar a partidos xudiciais de maior tamaño, coma o propio de Ourense. Mentres, avogados e avogadas continúan cunha mobilización que en parte é corporativa -polos seus propios dereitos laborais- pero que tamén afecta directamente ao dereito da cidadanía á unha defensa xurídica gratuíta e e de calidade. 

Protesta no Parlamento pola situación da quenda de oficio © Pablo Arangüena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.