Dous responsables de manter durante anos o ruído dunha fábrica de formigón de Redondela sen que xulgados nin Administración os parasen chegan a un acordo para pagar 85.000 euros e non entrar na cadea
Catro veciños dunha fábrica de formigón de Redondela sufriron durante anos polo ruído excesivo desa instalación "perturbacións graves do repouso e descanso, estrés, malestar, ansiedade e diminución do rendemento laboral e intelectual, que desembocaron no caso de todos eles en lesións" e secuelas. Agora, nunha sentenza que condena a dous responsables da fábrica por un delito ambiental e catro delitos de lesións, a Audiencia Provincial de Pontevedra admite que "esta situación persoal das vítimas vese sen dúbida agravada pola incapacidade de facto da Xustiza e da Administración para dar eficacia aos seus pronunciamentos condenatorios" reiterados que ordenaron paralizar a actividade pero que non foron cumpridos.
O xuízo penal polo ruído da fábrica de formigón de Vilar de Infesta, en Redondela, celebrouse a finais de febreiro pero na súa última xornada os dous acusados e a acusación particular dos veciños afectados, un xa falecido, chegaron a un acordo polo que os primeiros se declararon culpables e lograron unha rebaixa das penas a respecto do que se lles pedía inicialmente. Aceptaron pagar 80.000 euros en indemnizacións, multas por outros 5.000 euros e foron condenados a dous anos de cadea, pero esa pena quedou en suspenso se non volven delinquir en tres anos.
É habitual nestes casos que a sentenza que emite o xuíz ou tribunal encargado de xulgar se limite a recoller o acordado polas partes, sen engadir valoracións propias. Pero neste caso a sentenza xa firme e agora coñecida, asinada o 7 de marzo pola sección quinta da Audiencia de Pontevedra con sede en Vigo, asume a "incapacidade" do propio sistema xudicial.
A sentenza comeza identificando os dous acusados, un home e unha muller con antecedentes penais por casos distintos, como administrador único e apoderada con facultades de dirección das empresas Hormigones Vigo SL e JCA Hormigones SA, que operaban na fábrica de formigón que comezou a funcionar en Vilar de Infesta en 1989 sen licenza. A licenza foilles concedida en 1998 e anulada en 2008, e desde 2005 e ata cando menos 2011 a fábrica "realizou emisións de ruído excesivo, causando desde ese momento graves prexuízos" ás catro vítimas que residían nunha vivenda contigua.
A sentenza enumera os sucesivos procedementos sancionadores e ordes de paralización ditados polo Concello de Redondela, procedementos administrativos que foron ratificados por un xulgado do contencioso-administrativo de Vigo e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que decretou "a paralización da actividade da fábrica tanto en horario nocturno como en horario diúrno".
O TSXG decretou a paralización da actividade tanto de noite como de día pero a empresa seguiu operando malia os reiterados precintos das instalacións
Porén, a empresa "seguiu desenvolvendo a súa actividade e emitindo vibracións e ruídos excesivos tanto en horario nocturno como diúrno" malia os "reiterados precintos das instalacións".
A sentenza establece que os dous acusados "actuaron saltando todas as ordes e controis establecidos pola administración para o exercicio da actividade descrita, producindo ruídos e vibracións de forma desproporcionada e a horas intempestivas, que causaron evidentes danos na saúde dos prexudicados". Uns feitos constitutivos dun delito contra a o medio ambiente na modalidade de contaminación acústica e de catro delitos de lesións dos que son "penalmente responsables en concepto de autores os acusados, pois son quen tiñan facultades de control e dirección da actividade" e "non só" non a pararon "senón que deron ordes para que continuase".
Ante estes "feitos probados", a sentenza engade que "esta situación persoal das vítimas vese sen dúbida agravada pola incapacidade de facto da Xustiza e da Administración para dar eficacia aos seus pronunciamentos condenatorios, pois foron múltiples os procedementos tanto xudiciais como administrativos nos que, a pesar de obter pronunciamentos favorables, a empresa continuou desenvolvendo a súa actividade". Pero ademais a sentenza tamén recoñece que o procedemento penal que agora se resolve, iniciado en 2015, "estivo paralizado en varios períodos", cuestión que neste caso é beneficiosa para os acusados como atenuante de dilacións indebidas.
A sentenza tamén recoñece que o proceso penal que agora se resolve "estivo paralizado en varios períodos"
Tras este relato dos feitos, e ante o acordo das partes, a sentenza conclúe impoñendo a pena acordada. A Fiscalía chegou ao xuízo pedindo 3 anos de cadea para cada acusado polo delito ambiental e nove meses por cada un dos catro delitos de lesións, ademais de multa e indemnizacións. Finalmente, unha vez comprobado que os acusados xa pagaron 80.000 euros en indemnizacións, o acordo deixou a pena a cada condenado en multa de 630 euros polo delito ambiental e multas de 450 euros por cada delito de lesións.
Canto á pena de cadea, quedou en 2 anos, pero o acordo incluíu a súa suspensión durante 3 anos coa "condición de que non volvan delinquir durante ese prazo". Non deberan facelo do mesmo xeito, xa que ademais a sentenza dita "inhabilitación especial para o exercicio de profesión ou oficio relacionado coa actividade obxecto de condena durante o prazo dun ano".