ENCE deberá solicitar licenza municipal para levar a cabo obras na factoría, ao igual que calquera outra empresa. O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra vén de desestimar o recurso presentado pola compañía ante a paralización no ano 2018 dunha actuación que ENCE estaba a realizar sen permiso do Concello. A obra, consistente nuns traballos de desmontaxe dunha torre de refrixeración, provocaron ademais un incendio ao prender o material de poliéster no que estaba construída a citada instalación.
A sentenza avala a decisión do Concello de paralizar no ano 2018 unhas obras desenvolvidas sen permiso pola empresa
ENCE non solicitara a preceptiva licenza argumentando que as obras estaban recollidas no Plano Sectorial de Incidencia Supramunicipal e que polo tanto só necesitaba un permiso concedido pola Consellaría de Industria. Porén, a sentenza deixa clara a obriga da empresa de solicitar a licenza e, ademais, de pagar a taxa correspondente, dándolle a razón ao Concello, "non concretándose en que parte do proxecto se detallan as obras en cuestión". "Non se trata de que teñan cabida ou se atopen no ámbito do ordenado no Plan Sectorial, senón que o precepto aplicable require que estean definidas detalladamente no proxecto sectorial ou cando menos referidas no proxecto", sinala o ditame.
ENCE non solicitara a licenza argumentando que as obras estaban recollidas no Plano Sectorial de Incidencia Supramunicipal e que polo tanto só necesitaba un permiso concedido pola Consellaría de Industria
No informe do arquitecto técnico da Oficina de Licenzas e Inspección faise constar que se trataría de obras legalizables, por ser posibles no ámbito do citado proxecto e normativa municipal, pero non se atopan detalladas nin referidas no plano sectorial e polo tanto requiren licenza urbanística e os informes ou autorizacións sectoriais que correspondan. A sentenza conclúe, en concecuencia, que a decisión da suspensión das obras por parte do Concello "é conforme a dereito".
O Concello de Pontevedra anuncia que inspectores visitarán as instalacións de ENCE nos vindeiros días para revisar o estado das obras e estudar a posibilidade de sancionar á empresa por incumprir as normas urbanísticas, agora referendadas. O Goberno municipal vén instando á empresa a “que cumpra toda a normativa como a teñen que cumprir todos os pontevedreses e todas as empresas de Pontevedra”.
O Goberno municipal vén instando á empresa a “que cumpra toda a normativa como a teñen que cumprir todos os pontevedreses e todas as empresas de Pontevedra”
Xa o pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinou que todas as obras que ENCE faga no complexo industrial de Lourizán necesitan licenza municipal. O ditame, cualificado de "demoledor" polo Concello de Pontevedra, referíase a todas as actuacións que non figuren no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal aprobado pola Xunta en 2003, o que na práctica implicaba que a compañía necesita do permiso municipal para calquera iniciativa.
