O Xulgado do Penal número 1 de Santiago de Compostela absolveu dos delitos de acoso sexual, abusos sexuais e acoso laboral ao ex-xefe de planta do Corte Inglés de Santiago que si foi condenado pola vía civil por acosar sexualmente a unha traballadora deste centro. A sentenza difundida este xoves considera que os comportamentos "de contido sexual ou non" desde caso "quedan fóra da órbita penal".
O xuíz lembra que os feitos denunciados por Isabel Fraga mereceron a consideración de acoso sexual por parte do xulgado do social que se ocupou do caso, que condenou a empresa a indemnizar á empregada. Foron confirmados tamén por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A nova sentenza considera probado que, entre 2012 e 2016, o acusado lle fixo á denunciante "con certa frecuencia" comentarios sobre o seu físico e forma de vestir e que lle mostrou "vídeos ou fotos xocosos de contido sexual". Con carácter excepcional, tamén lle tocou a cintura e as pernas por enriba da roupa "de forma fugaz e cauta" e "sen aproximarse a zonas eróxenas", e lle realizou proposicións sexuais.
A sentenza considera probado que houbo comentarios sobre o seu físico, que lle mostrou vídeos de contido sexual e que lle realizou proposicións sexuais
O texto indica que, se non se pode "inferir" que hai unha solicitude sexual, quedan fóra do que o Código Penal define como acoso sexual actos como "piropos, comentarios, chistes de contido sexual, indirectas, sarcasmos, miradas insinuantes ou lascivas, despregar fotos pornográficas e, incluso, pequenos contactos físicos innecesarios coma dar palmadas, tocar en partes non íntimas ou sen significación sexual".
Do mesmo modo, agrega, comportamentos que "dende a perspectiva do ordenamento laboral" son acoso sexual "non o son para o Código Penal" sen esa solicitude. Entre estes cita comentarios atribuídos ao ex-xefe de Isabel Fraga e dirixidos a ela como "qué pena que llevas pantalón", "menudos cántaros de miel" ou "no me vengas con esos morritos que me están poniendo cachondo".
O xuíz di que "a pura solicitude de favores de natureza sexual no ámbito laboral non é delitiva", pois debe provocar unha situación "gravemente intimidatoria ou humillante"
A solicitude de favores sexuais, continúa a sentenza, tamén se lle atribúe ao ex-xefe, pois Isabel Fraga indicou que lle propuxo "ir á cama ou a un hotel ou motel". Porén, o texto destaca que "ha de quedar claro tamén que a pura solicitude de favores de natureza sexual no ámbito laboral non é delitiva".
Para que o sexa, ten que provocar na vítima "unha situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante". Este factor "permite deslindar o auténtico acoso sexual do ataque contra a liberdade sexual", que non se considera acoso "automaticamente" por ter sido realizado nun contexto laboral ou docente, engade o documento.
Non é suficiente que a solicitude "sitúe a vítima nun contexto sexual non desexado ou non querido, senón que ha de xerar un contexto que obxectivamente sexa gravemente irrespectuoso coa súa dignidade, honor ou intimidade ou un contexto gravemente hostil".
Considera que "o que se lle pode censurar ao acusado con fundamento" no trato co seu equipo e coa denunciante son "os malos modos no mando"
A sentenza considera que "o que se lle pode censurar ao acusado con fundamento" son, ao igual que concluiu a xuíza do social, "os malos modos no mando", pero argumenta que era "un xefe autoritario ou prepotente, esixente e maleducado" co equipo en xeral e "non se pode concluir" que haxa "unha conexión causal" entre que Isabel Fraga rexeitase as súas pretensións sexuais e os comportamentos posteriores del.
A conduta do acusado puido sentirse por parte da denunciante como "ofensiva" ou como "intimidatoria ou hostil", admite o xuíz que, porén, considera que non tiña "capacidade" de provocar "unha situación de intenso sufrimento moral, xa sexa a través da humillación ou da hostilidade".