Adeus a Mabel Montes, xornalismo e compromiso cos medios públicos

Mabel Montes, xornalista da TVG e da Radio Galega CC-BY-SA CSAG

Hemeroteca

Adeus a Mabel Montes. Os medios público galegos choran o falecemento da coñecida xornalista da TVG e da Radio Galega. A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) anunciou este luns a morte da periodista que levaba case tres décadas vencellada aos servizos informativos da casa. 

"Xornalista comprometida coa súa profesión, cunha clara vocación pola rigorosidade e pola verdade", define a corporación dos medios públicos de Galicia a Mabel Montes (Zas, 1976), que formaba parte da redacción de informativos dende 1997

Mabel Montes, xornalista da TVG e da Radio Galega CC-BY-SA CSAG

Levaba case tres décadas entre a TVG e a Radio Galega: "Sempre cunha mirada propia, precisa e esixente"

"Deixou unha pegada fonda no Galicia Noticias e nos distintos telexornais, sempre cunha mirada propia, precisa e esixente", expresa a CSAG sobre a xornalista, que no ano 2012 se integrou no equipo de O tempo

"A súa ausencia deixa un fondo baleiro alí", engaden desde os medios públicos, que destacan como, desde ese espazo, Mabel Montes "chegou a miles de fogares galegos coa súa proximidade, co seu coidado pola lingua e cun xeito de traballar minucioso e rigoroso".

"Mabel Montes exerceu sempre o xornalismo dende a vocación de servizo público. Comprometida coa calidade da información e co respecto á audiencia"

Comprometida tamén coa loita contra a manipulación e coa iniciativa Defende A Galega, a CSAG destaca que "a súa ausencia tamén se sente con forza nas redaccións da TVG e da Radio Galega", onde desenvolveu os últimos anos da súa carreira profesional. "Hai voces que só len noticias e hai quen, como Mabel, as defenden. Cría no poder dos medios públicos como servizo á cidadanía e á lingua. O compromiso e a independencia son o seu legado e a nosa tarefa pendente. Nós non o esquecemos. Por ti, Mabel", resaltan en Defende a Galega.

"Mabel Montes exerceu sempre o xornalismo dende a vocación de servizo público. Comprometida coa calidade da información e co respecto á audiencia", asegura a CSAG, que di despedir "unha xornalista referente, unha compañeira e unha grande amiga". Tamén o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sinala, a través da súa Xunta de Goberno, que "lamenta profundamente" o pasamento de Mabel Montes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.