As epidemias galegas moito antes da COVID: cando o inimigo era o cólera

Nenos ingresados no Hospital Provincial de Pontevedra nos anos 50 do pasado século © Deputación de Pontevedra

A COVID non é, dende logo, a primeira epidemia que afecta a Galicia. Moito antes que a doenza provocada por este coronavirus, moitas outras enfermidades causaron un forte impacto no país, dende a peste negra que entrou no século XIV e que nos séculos seguintes seguiu afectando a Galicia de xeito periódico, e a varíola, ata chegar ao colera, cunha especial incidencia no século XIX, e á máis recente vaga da gripe española, en 1918.

Este mércores o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación vén de poñer en marcha a exposición virtual "Pandemias no século XIX" na que se recollen varios expedientes sanitarios que fan referencia a epidemias, enfermidades e o seu tratamento, controis decretados polas autoridades ou á xestión de centros sanitarios, balnearios e cemiterios e á actividade de persoal médico na provincia pontevedresa hai arredor de dous séculos ou século e medio.

Expediente das medidas que se deben adoptar contra a infección e expansión do cólera morbo nos diferentes concellos e distritos da provincia (1853-1854) © Deputación de Pontevedra

A mostra inclúe unha breve introdución e achega un total de 11 documentos dixitalizados para esta ocasión, principalmente relacionados coa epidemia do cólera morbo. En concreto, os documentos escollidos abordan as comunicacións de Reais Ordes relativas á rama de sanidade; o branqueo de vivendas nos concellos para combater a epidemia do cólera morbo na provincia de Pontevedra; información sobre estado sanitario da provincia a raíz desa epidemia; as medidas a adoptar nos diferentes concellos e distritos da provincia; as medidas sanitarias de prevención; as relacións con Portugal pola epidemia; os recoñecementos de méritos aos médicos para a concesión de pensións, gratificacións e condecoracións; o expediente relativo a cemiterios e enterramentos en varios concellos; ou a reclamación do cargamento dun barco que foi queimado no Lazareto de San Simón, entre outros.

A mostra inclúe unha breve introdución e achega un total de 11 documentos dixitalizados para esta ocasión, principalmente relacionados coa epidemia do cólera morbo

Os responsables da mostra explican que as medidas sanitarias implantadas ao longo do século XIX e en boa parte do XX non tiñan un carácter estable, senón que o Estado as adoptaba cando as necesidades apremaban. Era unha actividade do Goberno, que lle correspondía á Policía de Salubridade e se lles confiaba aos xefes políticos e aos alcaldes, que tomaban as medidas segundo o estado de necesidade de protección da saúde. Así pois, institucións coma a Deputación de Pontevedra publicaban de foma periódica expedientes e ordes con medidas e actuacións para o control da epidemia cando aparecían gromos ou había repuntes na súa incidencia.

O cólera en Galicia no século XIX

Ao longo do século XIX houbo sucesivas pandemias internacionais de cólera, provocando ao redor dun millón de mortes en España, 300.000 tan só na que se produciu ao redor do ano 1833, un gromo que comezou en Vigo

Ao longo do século XIX houbo sucesivas pandemias internacionais de cólera, provocando ao redor dun millón de mortes en España durante ese século, e 300.000 tan só na que se produciu ao redor do ano 1833, un gromo que comezou en Vigo e que despois se estendeu a todo o Estado. Pénsase que os soldados que viñan de loitar na Guerra de Sucesión portuguesa contribuíron a propagar a doenza. O médico de Vigo Nicolás Taboada Leal no seu "Informe sobre el cólera morbo asiático" describiuno así: "El primer caso aparece en Vigo el 19 de enero. En 1834 entra en Lugo, aunque parece ser que procede de Castilla. Se construyen lazaretos en As Nogais, Salvaterra y en los puertos de Vigo y Marín".

Expediente de medidas sanitarias adoptadas para a prevención da epidemia do cólera nos buques (1851) © Deputación de Pontevedra

No ciclo demográfico antigo as epidemias se sucedían da seguinte maneira: malas colleitas, fame e epidemia, destácase na exposición

O cólera entraba principalmente a través dos portos, polo que cando a enfermidade era detectada nalgún territorio próximo, decidíase de inmediato o peche da circulación de persoas e bens dende eses lugares. Isto fixo que moitos portos habilitasen espazos para que os barcos e os seus tripulantes pasasen as obrigadas corentenas, que buscaban evitar o ingreso desta de doutras enfermidades. Así sucedeu en 1838 en Vigo coa Illa de San Simón, convertida en lazareto. Isto foi fundamental para a expansión do porto de Vigo nas décadas seguintes e o establecemento das empresas conserveiras catalás. 

No ciclo demográfico antigo as epidemias se sucedían da seguinte maneira: malas colleitas, fame e epidemia, destácase na exposición. Así, a partir de 1852, chegou a fame debido á perda das colleitas, logo as febres tifoides, no verán de 1853, e, no inverno dese mesmo ano, o cólera, nunha epidemia que atinxiu unha gran gravidade en Galicia. Por exemplo, na Coruña acabou coa vida de entre o 5% e o 10% da poboación.

En 1954 as autoridades de Vigo negaron a orixe colérica da doenza para non prexudicar a cidade e evitar as posibles consecuencias políticas

As autoridades de Vigo negaron a orixe colérica da doenza para non prexudicar a cidade e evitar as posibles consecuencias políticas: desatención sanitaria e hixiénica, necesidade de recursos para o coidado e hospitalización e, sobre todo, declaración da corentena en portos e zonas de Galicia. Mentres tanto, a epidemia progresaba día a día, sen que se actuase coa rapidez necesaria para freala. Desde o punto de vista técnico tamén se complicou a cuestión, xa que comezou a discutirse sobre se o cólera era contaxioso. As persoas que compartían a teoría de que non se contaxiaba querían impedir que o porto de Vigo se pechase ao tráfico e que, deste xeito, a economía da zona non se vise afectada.

En 1884 Robert Koch descubriu a orixe da doenza, en forma de bacilo, o que axudou a combatela, o mesmo que a mellora das condicións hixiénicas nas cidades. Porén, seguiu habendo brotes, mesmo ata hai unhas poucas décadas. 

Expediente sobre as relacións con Portugal a raíz da epidemia do cólera morbo (1855) © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.