As matronas denuncian no seu día salarios "do século pasado", "agravios" e déficit de persoal

Matrona nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Xunta

Un sistema retributivo "do século pasado", que "non se adapta á poboación que atenden, non ten en conta os factores correctores de dispersión, nin se modificou malia o incremento na carteira de servizos deste colectivo". Esa é a denuncia que sobre a situación das matronas na Atención Primaria en Galicia realiza CIG-Saúde, sindicato maioritario no Sergas. 

Segundo explica nun comunicado, coincidindo co Día Internacional da Matrona que se conmemora este luns, as comadroas profesionais que traballan nos centros de saúde galegos sofren unha precariedade retributiva que é "aínda peor na área sanitaria de A Coruña e en menor medida en Compostela"

CIG-Saúde explica que nestes dous casos os salarios están "por debaixo dos do resto do país" por mor da aplicación dun coeficiente de dispersión "inferior ao que se aplica nas outras áreas sanitarias".

Acceso principal do centro de saúde do Milladoiro (Ames) © Xunta

CIG-Saúde advirte dun sistema retributivo "do século pasado" para as matronas que é "aínda peor" nas áreas sanitarias da Coruña e Santiago, "con salarios por baixo dos do resto do país"

Ante este "agravio e discriminación", CIG-Saúde demanda da Consellería de Sanidade, como así o fixo en repetidas ocasións, a negociación na Mesa Sectorial do sistema retributivo das matronas de Atención Primaria, que lembra que son "as referentes en coidado materno-infantil, na saúde sexual e reprodutiva da muller en idade fértil, na prevención e detección de patoloxías xinecolóxicas ao longo de toda a súa vida e na atención á muller na menopausa".

"Urxe reparar estas desigualdades retributivas que se están a dar no territorio e negociar para todas un sistema retributivo adecuado á prestación que se realiza", reivindica a CIG. 

Pola súa banda, o Sindicato de Enfermería (SATSE) aproveitou tamén o día dedicado a este colectivo para denunciar o "grave déficit" de matronas na Atención Primaria, lembrando que en España os datos din que hai, de media, unha especialista nos centros de saúde por cada 11.000 mulleres. 

SATSE denuncia o "grave déficit" de matronas na Atención Primaria e a "falta de interese" das administracións para "potenciar" a profesión

"Isto imposibilita que poidan desenvolver todas as súas competencias en educación, prevención e promoción da saúde", di o sindicato, que critica a "falta de interese" por parte de todas as administracións para "potenciar unha profesión clave na mellora da saúde e o benestar da muller"

O propio Ministerio de Sanidade, nun informe de hai pouco, aseguraba que eran un total de 2.291 as matronas traballando na Atención Primaria do Sistema Nacional de Saúde en 2022, último ano dispoñible, o que supón unha profesional por cada 10.916 mulleres. Ademais, e segundo o sindicato, nos últimos tres anos o aumento do número de enfermeiras especialistas en Obstetricia e Xinecoloxía só aumentou en 106 profesionais. 

Enfermeira nun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

Antes, no verán, outro informe do Ministerio apuntaba a unha ratio de 12 matronas por cada 1.000 nacementos en España, o que supón menos da metade da media dos países da OCDE, con 25 por cada milleiro. 

A ratio de matronas por nacementos ou mulleres fértiles en España está moi por baixo da media da OCDE e da UE

Ademais, a ratio é de 6,1 matronas por cada 10.000 mulleres de 14 a 65 anos, o que sitúa España moi por baixo da media europea, que supera as 9, mentres que en países como Irlanda ou Finlandica chégase a 30. 

Xa que logo, e segundo un informe elaborado pola auditora Crowe a petición da Federación de Asociaciones de Matronas de España, no Estado farían falta unhas 5.000 matronas para paliar o actual déficit, unha cifra que desde a a AGAM (Asociación Galega de Matronas) sitúan, no caso de Galicia, nas arredor de 430. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.