As críticas polas crecentes listas de espera no sistema sanitario galego esténdense por todo o país e en todos os ámbitos. Nalgunhas especialidades, como Xinecoloxía as longas esperas eran xa unha dinámica habitual, pero a situación nos últimos tempos está a empeorar, sobre todo no Hospital Clínico de Santiago, engandindo novas dificultades, como denuncia QuerEndo, a asociación que agrupa ás afectadas pola endometriose, unha doenza que sofren unhas 30.000 mulleres galegas.
QuerEndo denuncia que a falta de profesionais e a carencia de consultas específicas están a provocar que citas que deberían ser dadas para maio de 2019 se atrasen ata marzo de 2020
QuerEndo denuncia que a falta de profesionais e a carencia de consultas específicas para as afectadas pola endometriose están a provocar que citas que deberían ser dadas para maio de 2019 se atrasen ata marzo de 2020. A entidade lembra que estas 30.000 mulleres teñen que acudir con máis frecuencia a revisións e probas, ao tratarse dunha doenza crónica. E alerta de que os atrasos na concesión das citas están levando a que estas mulleres teñan que acudir ás Urxencias hospitalarias, contribuíndo á súa saturación, "porque o seguimento dos tratamentos e da evolución da doenza son fundamentais para previr agravamentos".
A asociación explica que o problema se agravou coa recente xubilación de dous xinecólogos, de xeito que "case todas as ecografías de xinecoloxía as fai o mesmo profesional co cal iso crea un efecto embudo nas citas que dependen dese tipo de proba".
O hospital compostelán responde a estas críticas afirmando que os atrasos denunciados "non son reais", sinalando que "debido a un problema organizativo das axendas, as citas novas saen automaticamente para unha data moi afastada da realidade". Di que o tempo medio de espera para as primeiras consultas é de 27,5 días e de 40 para as revisións de Xinecoloxía.
O CHUS compostelán carece dunha consulta específica para as enfermas de endometriose, que si existe no CHUVI de Vigo, no CHOU de Ourense e no CHUAC da Coruña (e que tampouco funciona no Lucus Augusti de Lugo). A consecuencia é que estas mulleres que precisan revisións con máis frecuencia (produto de empeoramentos repentinos, revisións de cirurxías, revisións por cambios de tratamentos) "vense abocadas a compartir os mesmos tempos de espera de mulleres sen patoloxías concretas que van facer revisións xinecolóxicas de control porque comparten os mesmos profesionais de atención e as mesmas listas de espera", denuncia querEndo.
A entidade reclama que se creen consultas específicas de endometriose no CHUS e no Lucus Augusti
"Unha unidade multidicisplinar para eses casos máis severos podería tamén desafogar as listas de espera das consultas xerais de xinecoloxía pero o Sergas seguen sen dar un paso adiante na dirección de crear unha unidade multidisciplinar de endometriose como se ten feito noutras comunidades", sinala a entidade, que reclama que se creen as consultas específicas de endometriose no CHUS e no Lucus Augusti, que se cree unha unidade multidisciplinar en Galicia para endometriose e que se faga un plan de choque para acurtar estes tempos de espera "que xogan a medio prazo en contra da eficiencia do sistema sanitario ao crear peores seguimentos e prognósticos".
Dende o SERGAS sinálase que no CHUS de Santiago, "o seguimento de pacientes con endometriose faise nas consultas especializadas de Xinecología funcional" e apúntase que está a avanzar "na formación multidisciplinar de todos os profesionais sanitarios implicados para un mellor e máis activo diagnóstico precoz".