O pasado mes de xuño o Parlamento galego aprobou o V Plan director da cooperación galega, que prevía que os fondos de cooperación aumentasen cando menos o mesmo que os orzamentos para o 2024. Porén, mentres que as contas públicas medran un 5%, esta partida crece menos do 1%. Hai uns días a Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento criticou o "incumprimento" do compromiso adquirido polo Goberno galego e advertiu de que esta conxelación de fondos chega no contexto internacional "máis complicado".
A conxelación dos fondos para cooperación chega despois de anos de lentas pero constantes subas dende o ano 2015, cando se puxo fin aos duros recortes que esta partida experimentara dende a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta (caeu de 12 a 4 millóns en catro anos). Cómpre lembrar, neste senso, que o investimento para 2024 está aínda por debaixo do ano no que máis se dedicou á cooperación en Galicia, aquel ano 2009, que contou cun orzamento de 12,2 millóns de euros, fronte aos 9 millóns actuais.
Falamos con María Paz, presidenta da Coordinadora e representante da ONG Solidariedade Internacional, sobre os efectos da decisión do Goberno galego de recortar o compromiso de aumento dos fondos para cooperación e axuda ao desenvolvemento.
Que valoración facedes dende a Coordinadora da conxelación de fondos para Cooperación decidida pola Xunta?
"Estes orzamentos recentemente aprobados supoñen unha gran decepción para o sector. Primeiro porque rompe unha tendencia, rompe moitos anos de incremento progresivo e de compromisos acadados que de súpeto se conxelan"
Estes orzamentos recentemente aprobados supoñen unha gran decepción para o sector. Primeiro porque rompen unha tendencia, rompen moitos anos de incremento progresivo e de compromisos acadados que de súpeto se conxelan. E, por outra banda, porque frustran moito traballo que veñen realizando as ONGD da man da Administración para avanzar na cooperación internacional, por exemplo a Lei de Acción Exterior de Galicia do ano 2021, que recolle o obxectivo de seguir camiñando cara a ese famoso 0,7% de investimento en cooperación; e tamén o V Plan Director da Cooperación galega, recentemente aprobado, onde se recollía o compromiso de incrementar o orzamento cando menos na mesma medida que aumentase o gasto xeral, neste caso un 5%. E, finalmente, porque isto compromete o traballo que estamos a facer moitas organizacións en distintos lugares do planeta nun momento especialmente complicado.
Foron moitos os esforzos que fixemos para chegar a estes dous acordos, que agora caen en saco roto. A decisión da Xunta lévanos a unha situación na que parece que non podemos confiar na palabra dos nosos representantes.
Supoño que, en base aos compromisos de anos anteriores, ratificados nos últimos meses, as organizacións galegas xa traballaban cunha previsión orzamentaria para o 2024 que agora se viu recortada. En que afecta isto ao seu funcionamento e ao desenvolvemento de proxectos?
"Foron moitos os esforzos que fixemos para chegar a estes dous acordos, que agora caen en saco roto. A decisión da Xunta lévanos a unha situación na que parece que non podemos confiar na palabra dos nosos representantes"
Este incremento que se viña sostendo nos últimos anos, permitíanos pensar en novos instrumentos de traballo. Deste incremento que este ano non se produciu dependía en boa medida que as organizacións puidésemos traballar con programas a longo prazo. Isto é moi importante, porque supón que cando comezamos a traballar nun territorio da man dunha organización da sociedade civil, podemos garantirlle o noso acompañamento nun tempo mínimo que nos permita afondar no que estamos a facer, con previsibilidade e garantías.
Máis aló da situación creada nestes Orzamentos, como é o esforzo de Galicia na cooperación internacional? O 0,7% está moi lonxe...
"No ano 2009 chegamos ao máximo no esforzo orzamentario da Xunta de Galicia en materia de cooperación e foi o 0,1%. Hoxe estamos no 0,06%, fronte a unha media no conxunto do Estado do 0,13%"
Sempre pensamos na Coordinadora que non debemos renunciar a ese 0,7%, porque é case coma un símbolo, pero somos conscientes de que é practicamente unha utopía -aínda que as utopías nos fan avanzar- e de que é case imposible chegar aí. Para que te fagas unha idea, nese ano 2009 que comentabas, chegamos ao máximo no esforzo orzamentario da Xunta de Galicia en materia de cooperación e foi o 0,1%. Hoxe estamos no 0,06%, fronte a unha media no conxunto do Estado do 0,13%. Cada galego dedica 3,35 euros dos seus impostos á loita contra a pobreza e a desigualdade, fronte aos 8,42 euros de media no conxunto das comunidades autónomas do Estado. Polo tanto, queda moitísimo camiño por percorrer, pois estamos en cifras ínfimas, cunha aposta raquítica pola cooperación internacional.
Falades de que o contexto internacional é especialmente complicado neste momento. Que novas necesidades crean os conflitos bélicos activos, o cambio climático ou as crises de refuxiados?
"Aos dramas humanitarios cos que xa case aprendemos a convivir: guerras, desastres naturais... únese cada vez máis unha crise migratoria sen precedentes -no Mediterráneo en en Centroamérica- e o efecto do cambio climático, que está na base ademais de moitas destas migracións"
Aos dramas humanitarios cos que xa case aprendemos a convivir: guerras, desastres naturais... únese cada vez máis unha crise migratoria sen precedentes -no Mediterráneo en en Centroamérica- e o efecto do cambio climático, que está na base ademais de moitas destas migracións. Estamos asistindo, ademais, ao avance dos autoritarismos en moitos lugares do mundo, que tamén están provocando migracións. É o caso do Salvador, onde a cooperación galega desenvolve moitos proxectos dende hai anos, ou de Nicaragua. E vinculado a isto estamos a sufrir a criminalización e persecución das persoas defensoras dos dereitos humanos en moitos países. E por iso é máis necesario ca nunca o traballo das organizacións que colaboran coas entidades da sociedade civil deses países sobre o terreo. E por iso é máis necesario o apoio da Administración a este labor.
Pode que haxa moita xente que descoñeza cal é o labor que realizan as organizacións galegas de axuda ao desenvolvemento. Por que é importante o voso traballo?
"As 42 organizacións galegas investimos no ano 2022 dez millóns de euros na posta en marcha de 68 proxectos en 22 países. Son datos fríos, pero significaron a mellora das condicións de vida de 400 mil persoas, sobre todo mulleres"
A voracidade do noso sistema económico está a provocar impactos terribles en moitas das sociedades nas que estamos a traballar. É un sistema voraz que para satisfacer as necesidades dun Occidente permanentemente insatisfeito, acapara e estrangula a estes países. É unha cuestión de xustiza social.
As 42 organizacións galegas investimos no ano 2022 dez millóns de euros na posta en marcha de 68 proxectos en 22 países. Son datos fríos, pero significaron a mellora das condicións de vida de 400 mil persoas, sobre todo mulleres.
Xa non estamos traballando unicamente nos proxectos convencionais que quizais a xente recoñece como o labor das ONGD, ligados á construción de escolas ou hospitais, ou de acceso á auga potable e outros servizos básicos, senón tamén traballamos en moitos outros ámbitos que tamén son fundamentais para a vida e a dignidade humana. Por exemplo, proxectos de acción humanitaria, de fortalecemento das organizacións da sociedade civil.
"Manteremos xuntanzas con todas as candidaturas para manter o que sempre quixemos: que a política de cooperación sexa unha política de consenso, que goberne quen goberne non haxa dúbida de que en Galicia hai un compromiso de dedicar unha parte crecente dos orzamentos á loita contra a pobreza"
Supoño que vos puxestes en contacto co Goberno galego para coñecer os motivos da súa decisión. Cal foi a súa resposta?
Aínda non temos unha resposta ao acontecido, estamos á espera de ter unha xuntanza co Goberno galego para poder entender a que se debe esta conxelación e esta rotura dun compromiso. De momento, imos seguir denunciando esta situación para tentar revertela.
Que importancia teñen as eleccións do vindeiro 18 de febreiro en materia de cooperación internacional?
Estamos ás portas dunhas eleccións autonómicas que nos obrigan a volver poñer sobre a mesa a importancia da cooperación internacional galega. Manteremos xuntanzas con todas as candidaturas para manter o que sempre quixemos: que a política de cooperación sexa unha política de consenso, que goberne quen goberne non haxa dúbida de que en Galicia hai un compromiso de dedicar unha parte crecente dos orzamentos á loita contra a pobreza.