As protestas no IES Antonio Fraguas conseguen a presencialidade total, pero aínda con dificultades para o alumnado

Faixa colocada no IES Antonio Fraguas © IES Antonio Fraguas

A comezos de outubro as familias do alumnado do IES Antonio Fraguas de Santiago iniciaron protestas para reclamar que todas as clases de 1º de Bacharelato fosen presenciais, rexeitando a fórmula de "semipresencialidade" decidida pola Consellaría de Educación. Esta fórmula levaba a que os rapaces e rapazas tivesen unicamente a metade das clases de forma presencial, mentres que o resto das horas lectivas eran completadas a través de traballos para facer nas súas casas, cun funcionamento moi precario das chamadas "aulas virtuais". As familias denunciaban o "agravio comparativo" que isto supoñía en relación ao estudantado do resto de Galicia que si tiña o 100% de clases presenciais, sobre todo nun curso tan importante coma o 1º de Bacharelato, que xa facía media para as probas de acceso á universidade.

Educación rexeitou a contratación de máis profesorado e optou por realizar unha obra urxente que, coa derruba dun tabique, permitiu unir dúas aulas, xuntando na mesma clase a 31 estudantes, con dificultades para seguir as clases nun espazo tan grande

As familias reclamaban que a Consellaría de Educación dotase o centro con seis prazas máis de profesorado, as mesmas que rexeitara conceder no verán. A Anpa e as familias afectadas dirixíronse á Xunta e á Valedora do Pobo a través de varias cartas onde expresaban a súa fonda preocupación por como se estaba a desenvolver o curso e reclamaban estas seis contratacións. Porén, os primeiros contactos coa Consellaría de Educación tiveron como resposta o ofrecemento de que os rapaces e rapazas asistisen a aulas onde se instalaría unha televisión que emitiría as clases impartidas noutros espazos, unha opción que as familias rexeitaron por completo.

Exterior do IES Antonio Fraguas de Santiago © IES Antonio Fraguas

Finalmente, o pasado martes representantes da Inspección Educativa, a Xefatura Territorial de Educación e a unidade técnica da consellería visitaron o centro para estudar a derruba dun tabique co obxectivo de unir dúas aulas e así acoller a todo o alumnado afectado. As obras leváronse a cabo de forma urxente entre o venres e a fin de semana e este luns todo o alumnado de 1º de Bacharelato puido recibir as súas clases de maneira presencial, cumprindo as reivindicacións que realizaran as familias, cando menos en parte.

As familias sinalan que a solución escollida xera "incomodidade" entre o alumnado e fai difícil seguir as clases e seguen considerando que a opción idónea era a de contratar os seis mestres e mestras demandados

A Consellaría de Eduación optou por realizar unha obra antes que por contratar profesorado e o resultado non foi completamente satisfactorio para o alumnado e as súas familias. Finalmente, os alumnos e alumnas (ao redor de 30 ou 31 por clase) distribúense nun espazo moi grande (o que antes ocupaban dúas aulas) para así respectar as distancias de seguridade. Así, moitos deles e delas deben sentar a moita distancia das pantallas e encerados e do propio mestre ou mestra, o que dificulta a súa visión e o seguimento das explicacións do profesorado, que se ve obrigado a elevar moito a voz para poder ser escoitado.

As familias cren que as protestas, nas que tamén se implicou a veciñanza do barrio das Fontiñas, acadaron en parte o seu obxectivo e obrigaron á Xunta a reconsiderar a súa negativa inicial: "ao principio a consellería non contemplaba facer obras". Porén, sinalan que a solución escollida xera "incomodidade" entre o alumnado e fai difícil seguir as clases e seguen considerando que a opción idónea era a de contratar os seis mestres e mestras demandados, "un investimento e non un gasto". "O conselleiro dixo que tiña que xestionar uns cartos que tiña. Pero nós respondímoslle que eses cartos non eran seus e que, en todo caso, a contratación de mestres era un investimento e non un gasto, mentres que a obra de tirar tabiques si que era un gasto", sinala unha das nais do alumnado afectado.

"A contratación de mestres era un investimento e non un gasto, mentres que a obra de tirar tabiques si que era un gasto"

"Agardaremos agora uns días, a ver como se adaptan os rapaces á nova situación e se hai melloras", como poderían ser máis encerados, pantallas ou un sistema de megafonía para poder escoitar ben as explicacións do mestre. Ademais, as familias agradecen a implicación que nas súas mobilizacións tivero os "comercios e a veciñanza do barrio das Fontiñas, que axudaron a dar a coñecer a situación de desvantaxe en que a semipresencialidade deixaba aos alumnos e alumnas do IES Antonio Fraguas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.