Así funciona o novo sistema da A-8 contra a néboa no Fiouco

Néboa na A-8 á altura do Fiouco CC-BY-SA Praza Pública

As balizas detectan o avance dos vehículos e ilumínanse en vermello ao seu paso e quedan en laranxa cando xa hai suficiente marxe de seguridade para o vehículo posterior

O pasado martes o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, presentou un novo sistema contra a néboa na A-8 -no treito que pasa polo alto do Fiouco, entre Abadín e Mondoñedo- que describía como unha sucesión de balizas que se irían iluminando en vermello ou en laranxa segundo avanza cada vehículo, de xeito que os que circulan detrás poidan saber se diante hai ou non algún obstáculo. Só uns días despois o sistema xa tiña que se activado e permitía comprobar o seu funcionamento real coas néboas que se rexistraron na zona esta pasada fin de semana.

As balizas instaladas detectan o avance dos vehículos e ilumínanse en vermello ao seu paso e quedan en laranxa cando xa hai suficiente marxe de seguridade para o vehículo posterior. A sensación que percibe o condutor ao circular pola zona das balizas é que a medida que o vehículo dianteiro se distancia, as luces vermellas tamén se van distanciando cara a adiante

Igualmente, se un vai circulando e as luces pasan de laranxa a vermello é que por diante vai circulando outro vehículo e debe frear para garantir a separación de seguridade. Aínda que tamén poden activarse en vermello de repente porque xusto nese momento se estea a ser adiantado por outro vehículo.

O Ministerio de Transportes aínda está a avaliar os resultados dos prototipos de axuda á condución ou dispersión da néboa que probou na zona nos últimos meses

A DGT leva investidos 4,4 millóns de euros en sistemas similares de sinalización, iluminación ou control meteorolóxico na A-8, mentres que o Ministerio de Transportes vén desenvolvendo por outros 5,6 millóns un proceso de proba de inventos que poidan dar unha solución definitiva á néboa. Tras as probas dos prototipos na zona o pasado ano [aquí as características de cada un], agora están a avaliarse os resultados antes de tomar a decisión de cal ou cales, el solitario ou combinados, poden ser instalados a gran escala, para o que aínda habería que convocar un concurso público. 

Coas actuacións xa realizadas pola DGT e co proceso xa desenvolvido de proba de prototipos por Transportes, o Goberno central leva investidos 10 millóns de euros en diferentes melloras da seguridade viaria neste treito desde a súa inauguración hai agora oito anos, cifra que hai que engadir aos 200 millóns de euros que custou a construción dese treito de 16 quilómetros afectado pola néboa.

Recreación dos catro inventos contra a néboa na A-8 cuxos prototipos xa foron probados nos últimos meses e cuxos resultados están agora a ser avaliados © Ministerio de Transportes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.