"Cando se lle ofrece unha segunda oportunidade a un adolescente que o necesita, aprovéitaa"

O programa 'Convive Comigo' comezou no 2017 na Coruña e o pasado ano estendeuse a Pontevedra © Arela

No ano 2017 botou a andar na provincia da Coruña o programa Convive.Comigo  impulsado pola Asociación Arela co obxectivo de conformar un banco de familias dispostas a convivir con adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial. No último ano e medio o programa creceu e estendeuse tamén á provincia de Pontevedra e foron varias as familias e adolescentes que participaron nunha iniciativa que busca xerar un ambiente socializador e positivo que lles outorgue a estes e estas adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial que pesa sobre eles e elas e para que non reincidan nos mesmos comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

O programa comezou na provincia da Coruña e estendeuse á de Pontevedra

Segundo a Lei 5/2000, se un adolescente (de 14 a 18 anos) comete un delito ten unha responsabilidade penal, que ten que ser máis educativa que punitiva, dado que falamos de menores de idade. Para adolescentes que cometan delitos no ámbito familiar a medida que se considera máis adecuada é a convivencia noutro entorno, con outra persoa ou persoas.

Na actualidade tres familias (dúas na provincia de Pontevedre e unha na da Coruña) están activas no programa e dende a Asociación Arela faise un chamamento permanente para que máis persoas se decidan a ofrecer os seus fogares neste labor. Os acollementos teñen unha duración de entre seis meses e un ano e a Xunta achega un pagamento de 40 euros ao día, 1.200 euros ao mes, ás familias que leven a cabo esta convivencia.

"A principal vantaxe é que poidan ter a oportunidade de vivir nun espazo no que hai unha estabilidade emocional e nos horarios e no que os límites e as normas son consensuadas"

"O ideal sería chegar no futuro ás provincias de Lugo e Ourense, porque alí tamén hai a necesidade de que os adolescentes poidan ter esta oportunidade", destaca Ánxela Álvarez Naya (Arela), que fai fincapé na importancia de que esta rede se amplíe, aumentando o número de persoas que ofrecen estes apoios "porque se, por exemplo, temos un adolescente da zona norte da Coruña, neste momento teríamos que envialo moi lonxe e iso sería un cambio demasiado radical para o rapaz ou rapaza que teña que cambiar de casa". "A falta de familias que estean próximas e distribuídas por todo o territorio é o que está dificultando que máis adolescentes se acollan a este programa", engade.

Ánxela Álvarez destaca que "a experiencia está sendo moi positiva". "Rapaces que estaban desaproveitando as oportunidades que se lles daban, pasan a experimentar un cambio radical, só polo feito de cambiar de vivenda e de estar cun respaldo diario, cunha familia que tomou esa responsabilidade", explica.

Convive.Comigo busca persoas dispostas a acoller temporalmente adolescentes con dificultades na Coruña e Pontevedra © Arela

"A principal vantaxe é que poidan convivir nun contexto san e positivo, que poidan ter a oportunidade de vivir nun espazo no que hai unha estabilidade emocional, unha estabilidade nos horarios, no que os límites e as normas son consensuadas e non son impostas de maneira autoritaria. Non é o mesmo estar nun centro de internamento que nunha casa na que tes liberdade para entrar e saír e na que fas unha vida normal e na que contas cun referentes positivos que che serven de exemplo a seguir, uns referentes positivos dos que habitualmente carecen. Ao final o efecto chega a todos os ámbitos da vida do adolescente", di.

"Sabemos que é difícil superar os prexuízos que hai sobre a adolescencia, pero agora a partir da experiencia que xa tivemos, podemos ter a proba de que o programa funciona"

Álvarez aclara que "calquera persoa pode ofrecerse voluntaria. Non buscamos unicamente familias tradicionais, por dicilo así, senón que un home ou unha muller que vivan soas tamén poden facelo". E salienta que "dende o Xulgado cóidase moito, en primeiro lugar, que sexa un perfil dun adolescente que poida aproveitar este programa. Se se trata dun rapaz ou rapaza que teña unha problemática máis complicada, valoraríanse outras medidas". "Se alguén pensa que estamos a falar de adolescentes delincuentes, non se trata diso, senón de adolescentes que cometeron un erro e nalgúns casos un delito, pero que contan con moitas opcións de que poidan aproveitar unha oportunidade se alguén llela ofrece", di.

"O que se lles pide ás familias é que teñan sensibilidade coa adolescencia e, sobre todo, traballo en equipo. Van estar moi acompañadas polo persoal do programa, que fai un seguimento semanal e con visitas a domicilio e en ningún caso as familias están soas ante esta situación", explica.

"Sabemos que é difícil superar os prexuízos que hai sobre a adolescencia, pero agora a partir da experiencia que xa tivemos, podemos ter a proba de que o programa funciona e de que cando se lle ofrece unha segunda oportunidade a un adolescente que o necesita, aprovéitao e valórao positivamente", conclúe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.