A festa programada para este venres pola noite nun prostíbulo de Meis foi suspendida, despois das denuncias realizadas por colectivos feministas e polo propio Concello. O evento, amplamente difundido dende hai varios días por unha cuña radiofónica en emisoras do Salnés e nas redes sociais, ofrecía aos clientes do Club Montparnasse churrasco de balde que sería servido por camareiras en topless. O evento incluía a música dun dj espectáculos de striptease.
A alcaldesa, Marta Giráldez (PSdeG-PSOE) dixo que faría "todo o posible" para impedir a celebración deste evento e mesmo anunciou que se dirixiría ao lugar con técnicos municipais e forzas de seguridade
O anuncio espertou de inmediato as protestas de grupos feministas, como a Rede Galega pola Igualdade, e tamén do propio Concello de Meis. A alcaldesa, Marta Giráldez (PSdeG-PSOE) dixo que faría "todo o posible" para impedir a celebración deste evento e anunciou que se era necesario se dirixiría ao lugar con técnicos municipais e forzas de seguridade.
Giráldez sinalaba que a zona de chillout cuxa inauguración se publicita era en realidade unha terraza para a que o local non contaba con licenza, polo que o evento non podía celebrarse legalmente. A alcaldesa salientaba ademais que o Concello revisaría a licenza coa que conta o Club Montparnasse, de bar ou cafetería, cando na práctica funciona como un prostíbulo.
Porén, finalmente o Concello non tivo que intervir directamente, e foi o propio empresario do prostíbulo o que anunciou a suspensión do evento "pola presión mediática", sinalando que se ían desmontar as carpas que ían acoller o espectáculo. A rexedora, María Giráldez, afirma que en todo caso solicitará á Garda Civil que verifique que isto se cumpre e reitera a súa intención de revisrar as licenzas dos dous clubs de alterne que funcionan no concello.
O propietario deste local foi condenando pola xustiza en dúas ocasións, por trata de persoas e por non dar de alta na Seguridade Social ás súas traballadoras
Nos últimos anos o propietario deste local foi condenando pola xustiza en dúas ocasións, unha por trata de personas en concurso ideal con delito de prostitución coactiva. E noutra ocasión por non dar de alta na Seguridade Social ás mulleres que traballaban no lugar. A primeira das denuncias chegara no ano 2008, cando axentes de Policía realizaron unha redada no club, atopando 18 mulleres que exercían a prostitución para este empresario.
No ano 2014 un novo rexistro de Policía e Inspección de Traballo descubriu que dez mulleres que traballaban no local, procedentes de distintos países, carecían de contrato. Hai dous anos o propietario do Montparnasse foi condenado a dous anos e medio de cárcere por un delito contra os dereitos dos traballadores.