Cinco mortes converten a última xornada na peor dos catro últimos meses da pandemia

CC-BY-SA Imaxe ao microscopio: NIAID | Montaxe: Praza Pública

Tres das persoas falecidas vivían en residencias de maiores, o que eleva a nove as mortes de usuarios dese tipo de centros na última semana, a metade dos 18 falecementos totais rexistrados nese tempo

As últimas cifras oficiais sobre a pandemia do coronavirus divulgadas este venres pola Consellería de Sanidade sinalan que na última xornada rexistráronse cinco novos falecementos de persoas diagnosticadas, unha cifra que non era tan elevada nun único día desde o pasado 6 de maio, hai catro meses. Desas cinco mortes, tres foron de persoas que vivían en residencias de maiores, o que eleva a nove as mortes de usuarios dese tipo de centros só na última semana, a metade dos 18 falecementos totais rexistrados en toda Galicia nos últimos sete días. Desde o comezo da pandemia xa son 656 as mortes.

Canto aos novos casos rexistrados na última xornada, a cifra volve baixar tras superar este xoves os 300 e cae este venres aos 257 no global de Galicia, mentres que na área da Coruña, a máis afectada, tamén se modera e volve baixar do cento de casos que se rexistraran na xornada anterior. 

Pola súa banda, as probas PCR volven acadar un novo récord desde o comezo da pandemia, con 5.223 nunha soa xornada.

As prazas de UCI ocupadas mantéñense estables en 15 pero a hospitalización en planta pasou de 100 a 171 na última semana

O tipo de atención que requiren as persoas afectadas mantense estable na cifra de coidados intensivos, con 15, a mesma que na xornada anterior e apenas tres máis que hai unha semana, pero tendo en conta que parte das 18 persoas que faleceron neste tempo podían estar recibindo ese tipo de atención. Si aumenta o número de persoas hospitalizadas en planta, con 171 na actualidade (66 na área da Coruña), 12 máis que na xornada anterior pero 71 máis que o cento de casos que había hai unha semana.

Canto ás areas sanitarias, A Coruña, Lugo e Santiago moderan algo o seu ascenso mentres que Ourense e Vigo acrecéntano, neste último caso tras detectarse un brote ligado a un grupo numeroso de mozos e mozas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.