José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto morreron nun enfrontamento coa Garda Civil e foron soterrados nunha foxa común
O 22 de xuño de 1952 a Garda Civil rodeou a corte na que se refuxiaban tres guerrilleiros antifranquistas en Visantoña, Mesía, e tras un tiroteo dous deles resultaron mortos e o terceiro foi detido e condenado a 30 anos de cadea por "bandidaxe". Os corpos dos dous primeiros, Manuel Ramiro Souto e José Galán Núñez, foron soterrados nunha foxa común do cemiterio de San Martiño de Visantoña. Alí comezan este martes traballos de exhumación a cargo da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Segundo lembra a asociación, os dous falecidos, duns 30 anos de idade, naceran en Almeiras, Culleredo. Antes da súa morte, Ramiro Souto xa participara noutro enfrontamento coa Guardia Civil en 1949 en Negreira no que faleceran outros catro compañeiros e do que só el lograra saír con vida. Os corpos deses guerrilleiros xa foron atopados en 2016 na igrexa parroquial de Paramos, Val do Dubra, e entregados ás familias dous anos despois. Pola súa banda, Galán Núñez tamén lograra fuxir doutros enfrontamentos previos. Ata que, xunto cun terceiro guerrilleiro, Juan Couto Sanjurjo, foron localizados na corte na que un veciño lles dera refuxio.
Este é o relato que fai a ARMH: "Os guerrilleiros, ao detectar a presenza da Garda Civil tentaron a fuxida iniciando para iso un violento tiroteo con disparos e bombas de man que os obrigou a recluírse novamente na corte. Ante as exhortacións para que se rendesen, Couto saíu cos brazos en alto comunicando que os seus dous compañeiros xacían mortos no interior da corte".
A autopsia que se lles fixo sinalou como causa das mortes "lesións endocraneais causadas polos proxectís"
Malia que Couto, condenado a 30 anos, revelou a identidade dos falecidos, os corpos foron expostos no depósito do cemiterio durante 24 horas para a súa identificación. A autopsia que se lles fixo sinalou como causa das mortes "lesións endocraneais causadas polos proxectís".
Foron soterrados "nunha foxa aberta ao efecto, distante dous metros da esquina dereita da parte posterior da Igrexa, e un metro do muro de peche do cemiterio". Alí será onde buscarán os expertos a partir deste martes nunha exhumación á que asistirán algúns familiares.