Condenada unha mutua con 140.000 euros polas secuelas irreversibles dun accidente laboral

Instalacións de Fremap © Fremap

O Tribunal Superior de Galicia di que unha suposta escordadura de nocello "derivou nun proceso inusitadamente longo, marcado por catro intervencións cirúrxicas asociadas a outros tantos diagnósticos disímiles que, finalmente, non conseguiron o obxectivo da sanidade da paciente"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de publicitar unha condena a FREMAP, mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, a indemnizar á empregada dunha empresa, con categoría de peón de recollida de residuos, con 140.000 euros pola perda de oportunidade que lle produciu a atención sanitaria que lle prestaron tras un accidente laboral que sufriu en 2015, cando padeceu "o que aparentemente era unha torcedura no seu nocello dereito nun bordo da rúa".

Á hora de establecer a indemnización, os maxistrados tiveron en conta a idade da doente cando sucederon os feitos (32 anos), "que unha escordadura de nocello requiriría, en circunstancias normais, un período de curación dunhas seis semanas; ou unha fractura de escafoides e lesión de ligamentos, uns tres meses", así como as graves secuelas que padece, a súa irreversibilidade e a incapacidade permanente total declarada cando contaba con 35 anos. Na actualidade, segundo consta na sentenza, "camiña con dúas muletas pola intensa dor que lle produce a carga sobre o pé dereito" e ten limitada a flexo-extensión do nocelo.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

"Da proba practicada extráese a conclusión de que a asistencia facultativa prestada por parte dos servizos médicos da mutua foi insatisfactoria, por ineficiente", indica o TSXG no fallo, no que conclúe que "nos atopamos ante a hipótese dunha xenuína perda de oportunidade, aínda que sempre quedará a incerteza acerca do que acontecería se, a partir do coñecemento temperán da patoloxía (no mesmo día do sinistro), se adoptasen os protocolos asistenciais adecuados".

Neste caso, segundo a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo, é posible afirmar que a falta de detección nun primeiro momento da concreta patoloxía da paciente "privoulle de determinadas expectativas de curación ou, canto menos, de mitigación das ulteriores secuelas, que deben ser indemnizadas, pero reducindo o montante da indemnización en razón da probabilidade de que o dano se producira, igualmente, de actuarse dilixentemente".

Sentenza do TSXG que condena a Fremap polas secuelas irreversibles dun accidente laboral CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza di que non se derivou a doente a un servizo especializado, o que a privou de expectativas de curación

"Certamente, un servizo de urxencias non é o lugar ideal para diagnosticar de certo unha lesión, pero iso non é óbice para derivar á doente ao servizo especializado no que haberían de ser efectuadas, o máis axiña posible, as probas clínicas e diagnósticas necesarias para obter o xuízo médico acertado", sinalan os xuíces, os cales afirman que esa demora "derivou nun proceso asistencial inusitadamente longo, marcado por catro intervencións cirúrxicas asociadas a outros tantos diagnósticos disímiles que, finalmente, non conseguiron o obxectivo da sanidade da paciente que, lembremos, foi considerada inicialmente como lesionada por unha simple escordadura de nocello, por certo, non graduada".

Ademais, os maxistrados destacan que "nin a rehabilitación se antollaba idónea cando non se contaba con diagnóstico certo; nin o consello de camiñar máis era o pertinente; nin o dar de alta en dúas ocasións consecutivas á doente cohonestaba ben co seu estado de saúde”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.