Condenado un militar por vender desde Narón 5.000 pastillas abortivas

Instalacións da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

O home empregaba receitas do Instituto Social das Forzas Armadas (Isfas) para vender por internet os comprimidos entre 10 e 20 euros e obter entre 50.000 e 100.000 euros de ingresos

A maxistrada da praza 1 da Sección Penal do Tribunal de Instancia de Ferrol condenou, tras a conformidade alcanzada polas partes, a tres acusados de vender medicamentos con finalidade abortiva, un deles militar da Armada, que tamén resultou prexudicada no caso. No fallo, divulgado este xoves polo Poder Xudicial, a xuíza indica que os 5.040 comprimidos obtidos de forma fraudulenta puideron reportarlles uns ingresos de entre 50.400 euros e 100.800 euros, pois cobraban entre 10 e 20 euros por cada pastilla.

Ao militar condenado impúxolle tres anos e nove meses de cárcere, como autor dun delito contra a saúde pública e dun delito continuado de falsidade en documento oficial cometido por particular, en concurso medial cun delito continuado de estafa, concorrendo respecto deste último a atenuante moi cualificada de reparación do dano. Ademais, deberá pagar unha multa de 2.400 euros. Aos outros dous acusados condenounos, como cómplices do delito contra a saúde pública, a un ano e medio e a dous anos de cárcere, respectivamente, aínda que ambas as penas están suspendidas por un prazo de dous anos, coa condición de que nese prazo non delincan.

Xulgados de Ferrol © Google

O principal sospeitoso admitiu que actuou coa axuda da súa parella e do seu irmán, os cales ofrecían o medicamento en páxinas de anuncios de internet e a través de redes sociais. Ademais, realizaban envíos desde Narón a múltiples localidades de toda España, detectándose uns 660 envíos entre febreiro de 2019 e xuño de 2023.

O militar é condenado coa súa propia conformidade a tres anos e nove meses de cadea, e a súa parella e un irmán son condenados tamén como cómplices pero evitarán o cárcere

A xuíza relata no fallo que o condenado, sen a participación dos outros dous implicados, adquiriu entre xaneiro de 2019 e abril de 2023 un total de 5.040 comprimidos. Ademais, explica que, ata xaneiro de 2021, logrou que varios médicos lle prescribisen o medicamento ata en 70 ocasións, empregando as receitas que lle facilitaba o Instituto Social das Forzas Armadas, aínda que nalgúns deses casos era o propio condenado o que enchía o nome de CYTOTEC, o medicamento abortivo, nas receitas que os doutores lle asinaban previamente, confiados en que faría un bo uso dada a súa condición de militar en activo da Armada Española. A partir de febreiro de 2021, cubriu enteiramente outras 56 receitas, empregando un selo creado fraudulentamente e imitando a firma dun médico.

Instalacións da Armada en Ferrol CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Ademais, este militar condenado recoñeceu que "tratou de ocultar as súas manobras" comprando os envases ata en nove farmacias da provincia da Coruña, aínda que finalmente foi denunciado polo titular dunha farmacia de Ferrol, en maio de 2023. O prexuízo causado ao Instituto Social das Forzas Armadas ascendeu a 704,12 euros. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe recurso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.