Borracho e ofrecendo unhas "hostias": condenado por abuso de autoridade un cabo do Exército na Coruña

Cuartel de Atocha, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Militar da Coruña vén de facer pública unha sentenza que condena, coa conformidade do acusado, a un cabo primeiro do Exército de Terra destinado no cuartel de Atocha desa cidade como autor dun delito de abuso de autoridade na modalidade de maltrato de obra contra un soldado. O condenado, "en evidente estado de embriaguez", agarrou polo pescozo, empurrou e ofreceu unhas "hostias" ao subordinado, polo que foi condenado a indemnizalo con 2.000 euros.

Cuartel de Atocha, na Coruña, e sentenza do Tribunal Militar CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Militar salienta, coa conformidade do condenado, que atentou contra a integridade dun subordinado e contra a disciplina "como elemento estrutural de cohesión" para que as Forzas Armadas cumpran o seu papel constitucional

Segundo o relato que fai a sentenza, emitida por conformidade das partes, o día dos feitos o cabo primeiro entrou no acuartelamento de Atocha ás 3.30 horas e accedeu ao centro de control e seguridade do mesmo "en evidente estado de embriaguez e olor a alcol". Cando un dos soldados que estaban de garda nese centro de control foi ao aseo, o cabo primeiro berroulle "a onde collóns vas" e seguiuno. E no aseo, tras pechar a porta, situou os puños á altura da cara do soldado, díxolle que "agora estamos ti e eu sós" e berroulle "se o estaba vacilando, repetindo varias veces que lle día dar unhas 'hostias'".

Segundo a sentenza o condenado presentaba "evidente estado de embriaguez e olor a alcol"

Sempre segundo o relato dos feitos probados da sentenza, cando o soldado tentou saír do aseo o cabo primeiro "impediullo, agarrándoo do pescozo cunha man e despois suxeitándolle as solapas con ambas mans empurrándoo contra a parede varias veces". O soldado díxolle que "se lle daba unha puñada ía meterse nun lío, ao que o cabo primeiro respondeu que se non lla daba ese día buscaríao na rúa darlla".

Un desfile militar no cuartel de Atocha da Coruña CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza di que "os feitos que se declararon expresamente probados constitúen un delito consumado de abuso de autoridade, na súa modalidade de maltrato de obra", que non só atenta contra a integridade física e moral da vítima senón tamén "á propia disciplina, como elemento estrutural de cohesión que resulta indispensable para que as Forzas Armadas poidan desenvolver as misións constitucionais". 

"Neste caso, resulta meridiano que o acusado coñecía a súa condición de superior, desde o punto de vista xerárquico, respecto ao soldado", di a sentenza, que engade que levou a cabo "os feitos de forma voluntaria sendo plenamente consciente do acto que perpetraba".

Patio do cuartel de Atocha na Coruña © Ministerio de Defensa

Como autor dos feitos probados, o cabo primeiro foi condenado, coa súa conformidade, a multa de tres meses con cota diaria de dous euros (180 euros) e a indemnizar ao soldado por danos morais con 2.000 euros, contía que xa fora consignada previamente, o que lle permitiu aplicar a atenuante de reparación do dano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.