Segunda condena a Defensa tras o acoso sexual a unha soldado de Figueirido, agora polo "acoso vicario" ao marido

A ministra de Defensa nunha visita o pasado agosto á base Xeneral Morillo de Figueirido, en Pontevedra © Ministerio de Defensa

O esposo tamén militar da acosada foi trasladado a un posto sen contido real no que seguía tendo contacto co superior despois condenado, o que lle provocou dano psicolóxico que agora o TSXG considera enfermidade profesional

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Ministerio de Defensa a que considere como enfermidade derivada do posto de traballo e non como enfermidade común a baixa por motivos psicolóxicos dun cabo da base de Figueirido, en Pontevedra, cuxa muller, tamén militar, foi acosada sexualmente por un superior de ambos. 

A sentenza considera "probado que a situación vivida pola súa parella afectou ao demandante" e que no seu caso pode falarse, segundo ratificou unha psiquiatra perito xudicial, "dun acoso vicario".

Sentenza do TSXG que condena a Defensa a declarar como baixa por enfermidade laboral e non común a dun militar marido dunha soldado acosada sexualmente CC-BY-SA Praza Pública

A orixe do caso agora sentenciado remóntase a 2020, cando unha soldado da base Xeneral Morillo de Figueirido sufriu acoso sexual por parte dun superior, o brigada da súa unidade. A muller denunciou o caso e iniciou unha baixa por motivos psicolóxicos que Defensa considerou enfermidade común.

En 2023 un tribunal militar condenou de xeito firme o seu acosador e constatou que a vítima sufrira lesións psíquicas, establecendo mesmo que Defensa debía ser ser responsable civil subsidiario de indemnizala economicamente no caso de que o condenado non o fixese. Pero nin así Defensa mudou a súa consideración da súa baixa como enfermidade común. 

Tivo que ser un xulgado de Pontevedra quen a comezos deste ano ratificase que o que sufrira a soldado fora unha contixenxia laboral, censurando a "temeridade e mala fe" do Ministerio de Defensa por non consideralo así de oficio cando menos no momento en que houbo sentenza firme que condenou o acoso sexual.

Desfile da Brilat en Pontevedra nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG considera "probado que a situación vivida pola súa parella afectou ao demandante"

No momento dos feitos, tras denunciar a muller o seu acoso, o seu marido, cabo na mesma base, foi trasladado de posto de traballo a outro que, di o TSXG, "realmente estaba baleiro de funcións, e nin sequera cumpría coa medida que cabería esperar de separalo ou evitar o encontro co denunciado, pois este seguía sendo o seu superior, e seguían véndose coa situación de estrés, angustia, impotencia, rabia, ademais de afectación da autoestima e afectividade, que iso lle xeraba".

O pasado ano un tribunal militar sentenciou en firme a existencia de acoso sexual, pero a administración non recoñeceu as baixas da muller acosada nin do seu marido como froito do seu posto de traballo, algo que no caso dela fixo con "temeridade e mala fe", segundo a xustiza

O home acabou de baixa psicolóxica pero cualificárona como enfermidade común e non enfermidade profesional. Porén, o TSXG di agora que esa baixa "xérase no servizo, polas condicións en que o mesmo se tiña que exercer, en concreto, por ter que estar en contacto coa persoa que a súa parella denunciara por acoso sexual, que era tamén o seu superior xerárquico, e agravado polo cambio de destino que non serve para afastar o foco ou causa do trastorno, e que o agrava por tratarse dun posto baleiro de contido". 

A sentenza considera "probado que a situación vivida pola súa parella afectou ao demandante, podendo falarse, segundo expuxo a psiquiatra [perito xudicial], de un acoso vicario, pois o denunciado era tamén superior do recorrente, e tras a denuncia e durante a instrución da causa do acoso sufrido pola súa parella, seguiu atopándose no seu posto de traballo co denunciado, o que lle xerou un cadro incapacitante que derivou na baixa para o servizo".

Sentenza que hai uns meses xa acusara a Defensa de "temeridade e mala fe" por non recoñecer como laboral a baixa da militar acosada sexualmente por un superior en Figueirido CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.