F.A.R., cabo primeiro do exército, ingresou nas forzas armadas no ano 1996, formándose na especialidade de Sónar en Cartaxena e sendo destinada nos 21 anos seguintes en catro fragatas da Armada con base en Ferrol e Cádiz. Posúe tres medallas por operacións internacionais, unha mención honorífica, unha felicitación escrita polo "extraordinario traballo" desempeñado no Sónar e unha medalla de bronce "á constancia".
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol vén de recoñecer o dereito da traballadora demandante "a ser declarada en situación de Incapacidade Temporal como consecuencia de continxencia profesional"
No ano 2010 quedou embarazada da súa primeira filla, reincorporándose á Fragata Méndez Núñez (con base en Ferrol) despois da súa baixa por maternidade e solicitando posteriormente unha redución de xornada por lactación. Nese momento fóronlle encomendadas funcións distintas ás que lle correspondían por categoría e formación. No ano 2013 quedou de novo embarazada e novamente solicitou unha redución de xornada por lactación, sendo relegada á Brigada X dentro da Fragata Méndez Núñez onde as únicas funcións que lle foron asignadas foron as de limpeza e pintado.
A militar realizou numerosas queixas verbais e escritas e finalmente solicitou unha baixa laboral por unha situación de estrés, depresión e ansiedade, que foi diagnosticada por diversos profesionais, tanto públicos como privados. Un dos psicólogos sinalaba no seu informe unha sintomatoloxía que incluía "crises de ansiedade, medo, preocupación, irritabilidade, cansazo, tristeza, incontinencia emocional, pranto, sensación de indefensión, ansiedade condicionada á contorna laboral e continxente a unha situación laboral estresora onde se sente inxustamente tratada e penalizada por mor de conciliar a súa vida familiar e a súa vida laboral".
Despois de solicitar unha redución de xornada por lactación, a militar foi relegada laboralmente e as únicas funcións que lle foron asignadas foron as de limpeza e pintado
Nun comezo, a sanidade militar recoñeceu a súa situación como "enfermidade profesional", pero despois mudou o seu criterio, negándolle ese carácter e cualificando a situación como baixa "por enfermidade común". A Armada desestimou ademais o tres recursos presentados pola demandante, que finalmente recorreu á vía xudicial.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol vén de recoñecer o dereito da traballadora demandante "a ser declarada en situación de Incapacidade Temporal como consecuencia de continxencia profesional", condenando deste xeito ao Ministerio de Defensa.
A sentenza debulla os feitos relatados pola demandante e recoñecidos pola Armada, que defende que a relegación da traballadora ás funcións de limpeza e pintado constituía "unha limitación de retribucións e servizos conforme á norma", xustificándoa en que pola súa redución de xornada por lactación quedaba limitada "a prestación de servizos nas misións no estranxeiro e nas misións de navegación no mar". E negando, polo tanto, que se producira unha "lesión nos seus dereitos como traballadora militar".
A sentenza inclúe a testemuña doutra militar que afirma que tras pedir unha redución de xornada por maternidade tamén foi "relegada como a demandante a tarefas de limpeza e pintado das distintas fragatas"
O ditame salienta que o Ministerio de Defensa non foi quen de probar a ausencia de discriminación e de marxinación laboral por un tempo "que pode ser considerado longo á vista da posibilidade de cronicidade do cadro clínico residual da paciente". Hai dous anos un psiquiatra destacou "a existencia dun cadro depresivo de intensidade moderada, con presenza de desesperanza e interferencia laboral", comentando "a referencia a un importante número de condutas no contexto laboral percibidas como acoso de intensidade moderada".
A sentenza inclúe así mesmo a testemuña doutra militar que afirma que, despois de solicitar unha redución de xornada por maternidade, tamén foi marxinada a "funcións que non son nin moito menos as propias da súa categoría profesional e dos seus postos de traballo anteriores, quedando relegada como a demandante a tarefas de limpeza e pintado das distintas fragatas". Ao igual que neste caso, estoutra traballadora presentou varias instancias a modo de protesta, pero estas non foron contestadas "e nalgunha ocasión entendeuse a existencia de silencio administrativo negativo", engade a sentenza.