“O congreso vai ao rural onde se está a traballar na resistencia e permanencia no territorio”, explica o historiador, investigador e co director do Congreso, Óscar Penín
No século XVII un clérigo abraiaba os veciños de Calvos de Randín coas súas creacións de autómatas que imitaban aos seres vivos, con movementos incribles para a época. A singular historia do relixioso e enxeñeiro Domingo Martínez de Presa será recreada nunha obra de teatro durante a xornada inaugural do SOPA, o Congreso Internacional de Socialización do Patrimonio no Medio Rural , que se desenvolverá na zonas rurais da Provincia de Ourense, na Serra Sur de Galicia, do 2 ao 8 de setembro.
Este congreso celébrase anualmente co obxectivo de explorar novas formas de abordar a relación patrimonio-comunidade, compartir memorias colectivas e promover o intercambio de coñecementos. “O congreso vai ao rural onde se está a traballar na resistencia e permanencia no territorio”, explica o historiador, investigador e co director do Congreso, Óscar Penín.
Despois de ter lugar o ano pasado no Estado de Morelos [México] , nesta duodécima edición o SOPA volve á Península Ibérica e concretamente a Galicia onde xa estivera na súa segunda edición, celebrada en 2014 en Celanova.
Baixo o título ‘A vida no centro’ o congreso que comeza o vindeiro luns en distintas sedes dos concellos dos Blancos, Muíños, Calvos de Randín e Baltar quere presentar un medio rural “luminoso” e con futuro, segundo detalla Penín. E baixo este paraugas presentaranse máis de 60 comunicacións, coa presenza de 90 ponentes procendentes de Guinea-Bissau, México, Colombia. Arxentina, Chile, Grecia, Alemaña, España e Portugal.
A saúde, os espazos comunitarios, as relacións entre as persoas ou os saberes dos maiores serán temáticas abordadas durante a semana do SOPA. O Congreso xa ten pechadas as prazas para a asistencia ás ponencias pero o 50% da programación ten carácter cultural e está aberta ao público que desexe asistir de forma gratuíta.
O Congreso xa ten pechadas as prazas para a asistencia ás ponencias pero o 50% da programación ten carácter cultural e está aberta ao público que desexe asistir de forma gratuíta
Se o rural non planta, a cidade non vive. Desde a organización están convencidos de que “o futuro está no rural” e queren contribuír a buscar as metolodoxías que permitan intercambiar coñecementos e pór freo ao despoboamento das zonas rurais. “Imos cara a unha crise multinivel”, argumenta o investigador Óscar Penín, que pon o foco na baixa calidade de vida nas cidades e os desmesurados incrementos dos prezos do aluguer, a enerxía e os alimentos, algo que no rural non pasa da mesma forma. “Necesitamos volver vivir neses lugares e volver ter outras fontes de alimentos e de enerxía”, defende.
Alí, onde a ‘fronteira’ entre Galicia e Portugal se converte na serra do sur de Galicia e se chama Raia Seca e as montañas teñen nomes prerromanos, “atopamos pegadas de castelos, raíñas lobos, vales de mortos, repúblicas democráticas esquecidas como o do Couto Mixto, restos do cristianismo priscilianista en bosques e montes, e un territorio declarado pola UNESCO como Reserva da Biosfera” explican desde a organización. Un territorio cunha taxa de lonxevidade envexable do que hai moito que aprender.
Con ese obxectivo de compartir o coñecemento e celebrar a vida o seminario desta edición estará dedicado ás persoas maiores e levará por título ‘O maior saber, o saber maior’. Esta temática ocupará a xornada do martes e contará coa participación dos antropólogos onde intervirán, entre outros, os antropólogos ourensáns Manuel Mandianes e Fátima Braña.
Desde a organización queren poñer o foco tamén na obra de teatro da sesión inaugural “Unha roda que dá voltas. Entre muíños de auga e outras cousas en perigo de extinción”, na que a actriz Laura Santos narra a súa propia historia familiar vencellada a un muíño de auga en Ávila.
O congreso tamén dará a oportunidade para coñecer o complexo megalítico de Maus de Salas grazas á visita prevista para o sábado, día 7, dan man de Benito Vilas Estévez, de Árbore Arqueoloxía.
O SOPA 2024 está Organizado polo GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da UVigo a través dos investigadores Beatriz Comendador e Óscar Penín e conta co apoio da Bela Auria, da Rede Aldear e de La Underground Colectiva.