Denuncian a reforma de Pontenafonso que "deturpa" a ponte medieval, "unha xoia destruída co beneplácito de Patrimonio"

Imaxe da criticada reforma de Pontenafonso © Salvemos PonteNafonso

Unha concentración protestou este domingo polas solucións escollidas na reforma, que "deturpan" a ponte orixinal e ocultan os seus elementos máis característicos, os tallamares

A ponte medieval de Pontenafonso sobre o río Tambre, entre Noia e Outes, data do século XiV (aínda que no lugar existía xa previamente outra ponte) e durante o último milenio foi unha infraestrutura fundamental nesta parte de Galicia e un dos símbolos desta comarca. Entre 1842 e 1844 e de novo a comezos do século XX a ponte sufriu dúas importantes remodelacións, que lle deron o aspecto co que a coñeciamos ata o pasado ano, cando se iniciou unha nova reforma, que dende o inicio recibiu críticas de veciñanza e expertos.

As primeiras denuncias estaban relacionadas coa lentitude das obras, paralizadas durante seis meses ata o seu reinicio en marzo deste ano. Porén, cando se comprobaron as solucións escollidas para a "reparación e posta en valor" do monumento, as críticas dirixíronse á "deturpación" que na opinión de moitas destas voces supón a reforma, que modifica de forma moi importante o aspecto anterior desta infraestrutura, como denuncia nun manifesto a plataforma SalvemosPonteNafonso, que este domingo se concentrou nunha das marxes da ponte.

Imaxe da criticada reforma de Pontenafonso © Salvemos PonteNafonso

O resultado, denuncia a plataforma, é "unha ponte totalmente deturpada, ofrecendo ao seu paso a visión dunha ponte totalmente nova que non ten nada que ver coa apreciada Ponte Nafonso, unha xoia destruída co beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio"

A obra substitúe a varanda metálica instalada nos anos 20 do século pasado (que eliminou o peitoril de pedra orixinal) por un novo peche en pedra. Porén, o resultado final dunhas obras "improvisadas" é que "remata por esconder outros dos seus elementos máis característicos, os tallamares". Ademais, a elevación do nivel do firme derivado "da imposibilidade de manter a cota da lousa de formigón derivada das canalizacións de telefonía e das grampas anteriores" ten como resultado, segundo a plataforma, "unha ponte totalmente deturpada, ofrecendo ao seu paso a visión dunha ponte totalmente nova que non ten nada que ver coa apreciada Ponte Nafonso, unha xoia destruída co beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio".

O alcalde de Outes mantivo unha xuntanza con representantes do Goberno galego para reclamar novas solucións "para un mellor encaixe do novo peitoril cos tallamares"

Entre os críticos coa actuación está o Goberno municipal de Outes. O alcalde deste concello, Manuel González, mantivo hai uns días unha xuntanza con representantes do Goberno galego para reclamar novas solucións "para un mellor encaixe do novo peitoril cos tallamares". Tamén critica as obras o BNG, que hai unhas semanas anunciou a presentación dunha denuncia ante a Fiscalía, pedindo unha intervención para acadar a paralización cautelar da actuación, que cualifican de "desfeita", alertando de que se está a producir un "atentado" contra o patrimonio. 

Concentración de protesta pola reforma de Pontenafonso © Salvemos PonteNafonso

O Bloque anunciou a presentación dunha denuncia ante a Fiscalía para que se paralicen as obras, que cualifican de "desfeita". Segundo o BNG, o que fai o novo peitoril é "anular os tallamares, un dos elementos máis simbólicos da ponte"

Os voceiros do Bloque en Noia e Outes estiveron presentes na concentración deste domingo. Segundo o BNG, o que fai o novo peitoril é "anular os tallamares, un dos elementos máis simbólicos da ponte". "Terán que explicar, en definitiva, por que esta obra non a levou a cabo unha empresa de restauración senón unha construtora. Un ben coma este merecía que executara esta actuación unha empresa especializada", sinalou Ricardo Suárez, concelleiro en Noia. Suárez sinala que "o encintado é propio dunha obra sobre un ben sen valor. Tampouco existe un traballo canteiro sobre a pedra nin unha colocación delicada que faga encaixar os novos peitorís".

"Queremos alzar a voz para expresar a nosa total repulsa contra esta actuación que nos arrebata séculos de historia, e exiximos responsabilidades, explicacións, e reflexión, para adoptar solucións a esta desfeita"

A plataforma SalvemosPonteNafonso naceu hai unhas semanas a partir "da fatiga dun pequeno grupo de profesionais, unidos á veciñanza do lugar, cansos de ver a pouca delicadeza coa que se leva a cabo unha actuación tan especial coma esta". O colectivo cualifica a reforma como "unha mostra total e absoluta de falta de amor polo propio, de pouca sensibilidade ás preexistencias, aos valores, á cultura, ás raíces e ao que somos". "Queremos alzar a voz para expresar a nosa total repulsa contra esta actuación que nos arrebata séculos de historia, e exiximos responsabilidades, explicacións, e reflexión, para adoptar solucións a esta desfeita", sinalan.

Aspecto que presentaba anteriormente Pontenafonso CC-BY-SA Miguel Branco

A plataforma cualifica a reforma como "unha mostra de falta de amor polo propio, de pouca sensibilidade ás preexistencias, aos valores, á cultura, ás raíces e ao que somos"

No seu manifesto, lido na concentración deste domingo, lémbrase que as obras de reparación foron "acollidas con esperanza e ilusión pola veciñanza, unha ilusión botada por terra, por unha actuación sen delicadeza e sen ningún tipo de encaixe co marabilloso traballo dos elementos primixenios". Cualifícase a obra de ser "unha improvisación tras outra" e destácase que estamos ante "un dos símbolos máis senlleiros da nosa ría de Muros e Noia, un monumento que data do S. XIV e unha das pontes medievais máis importantes de toda Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.