Denuncian unha "agresión fascista" a un militante independentista en Ferrol

Parte médico da agresión sufrida polo militante independentista © Causa Galiza

Unha “agresión fascista”. Iso é o que denuncia Causa Galiza que sufriu un militante da súa organización por parte de entre oito e dez persoas en Ferrol, en plena rúa Real. A organización independentista compartiu nas redes sociais o parte médico dunha agresión que provocou varias fracturas e fisuras óseas á persoa golpeada con virulencia na cabeza (F.J.M.), que tivo que ser atendida no hospital. 

O mozo foi agredido por un grupo de entre 8 e 10 persoas e sufriu varias fracturas

Os feitos foron denunciados xa vía xudicial e por Causa Galiza publicamente, que advirte da súa máis absoluta “indisposición a permitir a normalización deste tipo de acontecementos”, así como da “necesidade dunha resposta ampla e plural ao crecente despuntar de incidentes e agresións” fascistas. 

Segundo relatou a vítima nunha entrevista en Sermos Galiza, os feitos tiveron lugar de madrugada, cando un grupo de mozos agrediunos mentres eles sacaban unha foto ao berro de “rojos de mierda, hijos de puta”. Ao chamarlles fascistas, os agresores terían comezado a agredir o afectado, coñecido militante político e sindical da comarca. Caeu o chan e o seguinte que recorda, di, é espertar no hospital

Varias foron as formacións políticas que amosaron a súa “condena” a unha “brutal agresión” por parte do “fascismo”, como o BNG, EU, PSdeG, Anova ou Podemos Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.