Descende o número de pacientes COVID nos hospitais galegos, mentres a incidencia acumulada estabilízase

© Xunta

Despois de case un mes, o número de camas ocupadas por pacientes COVID en Galicia descende por fin das 300. A quinta vaga da pandemia trasladou o seu efecto á presión hospitalaria nas últimas dúas semanas do mes de xullo, elevando o número de camas ocupadas de 67 (14 de xullo) a 302 (30 de xullo). Dende entón os datos mantivéronse relativamente estables, nunha meseta que chegou a acadar as 345 camas ocupadas (10 de xullo) pero que nunca baixou de 300. Ata este mércores.

Nos hospitais galegos están ingresadas 277 persoas con COVID, 54 menos que este luns e 45 menos que hai unha semana

Sanidade informa de que nos hospitais galegos están ingresadas 277 persoas con COVID, 54 menos que este luns e 45 menos que hai unha semana. Melloran tamén os datos nas UCI, con 55 camas ocupadas por pacientes COVID, 8 menos que hai sete días, o que constitúe a cifra máis reducida dende o 14 de outubro.

O peores efectos da quinta vaga da pandemia comezan a remitir, despois de deixar 109 mortes dende o 15 de xullo

As malas novas seguen a chegar a través das cifras de falecementos, con 4 mortes máis notficadas este martes, o que eleva a 109 a conta total dende o 15 de xullo, a peor consecuencia da quinta vaga da pandemia. Unha vaga, iso si, que deixou moitas menos mortes que as anteriores, a pesar de sumar un número semellante de positivos detectados aos da terceira onda.

Sanidade notifica 567 novos casos, lixeiramente por debaixo dos 597 do pasado mércores

En canto a estes contaxios, este mércores a Consellaría de Sanidade notifica 567 novos casos, lixeiramente por debaixo dos 597 do pasado mércores, o que contribúe a rebaixar un chisco a incidencia acumulada a 7 días, que leva estabilizada dende hai unha semana. O pasado mércores situábase nos 150,28 casos por cada 100.000 habitantes e hoxe está nos 147,54.

Lugo e Santiago levan días empeorando os seus indicadores

Hai dúas áreas sanitarias, Lugo e Santiago, que levan días empeorando os seus indicadores, en boa medida debido aos gromos detectados en Monforte e Ordes. Ourense e Ferrol están estabilizadas, mentres que A Coruña, Vigo e Pontevedra continúan á baixa. As áreas de Lugo e Ferrol son as que rexistran unha incidencia máis elevada.

Ordes suma 177 casos novos na última semana e Monforte 204

En canto á información por concellos, a incidencia acumulada a 14 días máis alta localízase precisamente en Ordes (1512 casos por cada 100.000 habitantes), sumando un total de 191 casos nas últimas dúas semana e 177 na última semana. Por debaixo aparecen A Veiga, Muxía, Monforte de Lemos, Rábade e Viana do Bolo, todos eles con incidencias acumuladas por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas. Monforte acumula 180 casos novos na última semana, 204 nos últimos 14 días.

Finalmente, case todas as cidades manteñen unha tendencia de descenso, coa única excepción de Lugo, que leva días incrementando a súa incidencia acumulada, supera xa a Vigo e achégase aos datos da Coruña e Ferrol, a urbe con peores datos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.