A partir deste sábado as vilas de Ordes e Monforte pasan a situarse no nivel máximo de restricións, unha categoría na que ata este momento non estaba ningún concello. Nestas dúas localidades, importantes cabezas de comarca, o número de contaxios experimentou un forte incremento nos últimos días, de xeito que a incidencia acumulada a 14 días se achega aos mil casos por cada 100.000 habitantes.
O Comité Clínico esperaba "un descenso máis pronunciado da incidencia acumulada" que o que se está a producir
Na rolda de prensa posterior ao Comité Clínico que asesora á Consellaría de Sanidade, o conselleiro Julio García Comesaña alertou do incremento de contaxios nalgunhas localidades, un empeoramento da incidencia da que responsabilizou ao aumento da mobilidade que se produciu durante a ponte do 15 de agosto e a celebración de numerosas festas patronais en boa parte de Galicia.
Sanidade fai un chamamento a non baixar a garda e a limitar a participación en festas e celebracións e, no caso de acudir, facelo gardando as máximas precaucións. O Goberno galego destaca que a situación epidemiolóxica continúa a mellorar, pero cunha "ralentización", sinalando que o Comité Clínico esperaba "un descenso máis pronunciado da incidencia acumulada" que o que se está a producir. Con todo, dende Sanidade destácase a boa tendencia doutros indicadores, coma o da positividade, que volve situarse no 5%, un dos mellores datos de todo o Estado e xa lonxe do 10% que superou durante varias semanas.
En Ordes e Monforte a partir do sábado o interior da hostelaría e dos locais de ocio nocturno pasará a estar pechado
Dende Sanidade, que se felicitou polo bo ritmo do proceso de vacinación entre a mocidade, faise un chamamento ás mulleres embarazadas para que se poñan en contacto co sistema sanitario para administrar a vacina contra a COVID, despois do gran número de complicacións que a enfermidade está a producir nos procesos de xestación, especialmente no terceiro trimestre. Tamén se deu instrución aos médicos e médicas de cabeceira para que localicen ás mulleres embarazadas para ofrecerlles así a vacina.
En Ordes e Monforte a partir do sábado o interior da hostelaría e dos locais de ocio nocturno pasará a estar pechado, mentres que a capacidade máxima permitida nas terrazas redúcese ata o 50% en bares e restaurantes e ao 75% en pubs e discotecas.
As sete cidades galegas continuarán no nivel medio, no que se atopan un total de 56 concellos
No resto de Galicia hai 30 concellos no nivel alto de restricións, lugares nos que o interior do ocio nocturno tampouco poderá abrir e a capacidade máxima das zonas interiores de bares e restaurantes ficará limitada ao 30%, coas terrazas no 75% en ambos os dous casos. Neste nivel estarán, por exemplo, vilas como Betanzos, Melide, O Barco ou Fisterra.
As sete cidades galegas continuarán no nivel medio, no que se atopan un total de 56 concellos. O resto, 235 localidades, sitúanse no nivel baixo de restricións.