Case o 60% da poboación galega entre 12 e 19 anos ten polo menos unha dose da vacina contra a COVID

Vacinación da rapazada de 12 e 13 anos, en Ourense CC-BY Sergas Ourense

Máis de 103.000 galegos de entre 12 e 19 anos contan con polo menos cunha dose da vacina contra a COVID, dos que 33.991 son menores de 14 anos e 69.507 teñen entre 15 e 19. 

Tendo en conta que a vacinación da rapazada centrouse este luns nos pequenos de 12 e 13 anos e que non está aínda prevista a inmunización a menores desa idade, é máis do 57% da poboación galega de entre 12 e 19 anos a que recibiu polo menos unha dose. En concreto, 103.498 mozos e mozas dos arredor de 180.000 que hai nesa franxa de idade en Galicia. 

O grupo de persoas nesta franxa de idade é precisamente a que maior incidencia acumulada da COVID a 14 días ten agora en Galicia, con 1.133 casos por 100.000 habitantes. 

Mentres, a poboación inmunizada en Galicia ascende a 1.926.497, 2.529 máis respecto da xornada anterior, segundo os datos feitos públicos este martes pola Consellería de Sanidade. Esta cifra representa o 78,48% da poboación diana e o 71,35% da poboación xeral.

O 80% dos rapaces e rapazas de 12 e 13 anos chamados a vacinarse acudiu á súa cita este pasado luns

Así, e segundo o último balance, as doses recibidas sitúanse en 4.074.675, o que supón 118.170 máis. Delas, administráronse, 3.920.648, 34.856 máis, o 96,2%. Logo de que a semana pasada se centrase en avanzar na inmunización dos menores de 20 anos, o luns a xornada centrouse en vacinar a menores de 12 e 13 anos, coa vacina Moderna. 

Precisamente, o Sergas citou este pasado luns un total de 41.178 menores de 12 e 13 anos a vacinar, dos que 32.953 acudiron á súa cita, o 80%, unha porcentaxe que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, considera positiva, máis tendo en conta que foron citados con menos de tres días de antelación, no mes de agosto e con moitas familias lonxe do seu lugar de residencia. 

Rapazada deixa mensaxes de agradecemento ao persoal sanitario tras ser vacinada CC-BY Sergas

Na súa comparecencia tras a reunión do comité clínico, Comesaña aclarou que a Xunta aínda non decidiu que sistema porá en marcha para darlles unha segunda cita a estes mozos e ás persoas doutras idades que aínda non recibiron dose ningunha, aínda que será anunciado proximamente.

Por outra banda, o conselleiro adiantou que o Sergas citará as persoas contaxiadas que non están vacinadas así que teñan a alta epidemiolóxica, aínda que o acordo entre o Executivo central e as autonomías era o de agardar seis meses. 

A xornada deste martes destinarase a completar pautas de persoas de entre 20 e 29 anos, mentres que a vacinación dos máis novos retomarase a partir do mércores, aínda que tamén se vacinará no caso de autocitas e repescas.

En total, hai 2.176.054 persoas que recibiron polo menos unha dose da vacina contra a covid, un 88,65% da poboación diana e un 80,59% da poboación na súa totalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.