A semana do 13 ao 19 de setembro comezará o curso escolar e o Goberno galego espera que "todo o alumnado susceptible de recibir a vacina contará coa pauta completa”
A mocidade entre 12 e 16 anos comezará a ser vacinada a vindeira semana. Así o confirmou este venres a Consellaría de Sanidade, que destaca que o obxectivo é buscar un inicio de curso máis seguro e con menos contaxios nos centros de ensino.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, mantiveron unha xuntanza na que se planificou a vacinación do alumnado de Educación secundaria. A semana do 13 ao 19 de setembro comezará o curso escola e o Goberno galego espera que "todo o alumnado susceptible de recibir a vacina contará coa pauta completa”.
O luns administrarase a vacina de Moderna á rapazada de 12 e 13 anos. O mércores e xoves será a quenda da mocidade entre 14 e 16 anos que recibirá Pfizer
Este luns 23 de agosto Sanidade administrará a vacina de Moderna aos rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 13 anos. No caso do estudantado con 12 anos vacinarase inicialmente a aquelas persoas que xa teñan cumprido esta idade para posteriormente ir incorporando ao plan de vacinación aquelas persoas que vaian cumprindo os 12 anos nos vindeiros meses.
A vacinación do grupo con idades comprendidas entre os 14 e os 16 levarase a cabo nas xornadas do mércores e xoves, coa administración da vacina de Pfizer.
No caso dos menores con idades entre 12 e os 15 anos, o procedemento precisará dun consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal do menor
No caso dos menores con idades entre 12 e os 15 anos, o procedemento precisará dun consentimento informado por escrito, asinado polo pai, nai ou titor legal do menor. Este documento estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde para descargar. Ademais, deberase entregar no recinto de vacinación, en formato papel, cuberto e firmado. Este requisito lembrarase na mensaxe de citación, onde se incluirá unha ligazón directa para descargar do documento.
O proceso de citación do alumnado de 12 e 13 anos bota a andar este venres co envío de mensaxes de texto ao número de contacto que se teña asociado ás tarxetas sanitarias. Estas citas poderán comprobarse nas distintas aplicacións do Sergas.