Dous terzos das enfermeiras en Galicia din afrontar comentarios ou condutas sexistas e "tópicos arcaicos"

Persoal de enfermaría © Sergas

Dous terzos das enfermeiras en Galicia (o 67,5%) e máis da metade dos enfermeiros (54,2%) sufriron ou coñecen algunha compañeira ou compañeiro que foi vítima de comentarios ou comportamentos "ofensivos ou denigrantes" baseados na "imaxe estereotipada e sexista da profesión"

É unha das principais conclusións dunha nova enquisa realizado polo Sindicato de Enfermería (SATSE) dentro da súa campaña Rompe con los estereotipos e co gallo da próxima celebración do Día Internacional da Muller. 

Profesional sanitaria nun hospital do Sergas durante a pandemia CC-BY-SA Sergas Ourense

O 67% das enfermeiras consultadas por SATSE di ter sufrido ou coñecido por compañeiras comportamentos "ofensivos ou denigrantes" baseados en tópicos ou sexismo

A sondaxe -realizada o pasado mes de febreiro- indica tamén que estes estereotipos "sexistas e retrógrados" vinculados coa profesión enfermeira, especialmente coas mulleres, son denunciados por nove de cada dez profesionais en Galicia. Uns "comentarios, actitudes e comportamentos ofensivos e denigrantes" que, din os consultados, os "prexudican a nivel persoal e profesional".

"O feito de que as enfermeiras e enfermeiros sigan denunciando esta inaceptable realidade denota que o paso dos anos non supuxo unha mellora da situación, o que demostra que estamos a fallar como sociedade á hora de recoñecer e tratar como deberiamos a todo un colectivo profesional polo mero feito de estar conformado de xeito maioritario por mulleres", advirten desde SATSE. 

"Aínda persiste unha importante falta de respecto e, en ocasións, mesmo desprezo, ao minusvalorar a profesión en si e as enfermeiras por razón de xénero"

A enquisa, que recolleu tamén máis de 2.000 comentarios persoais dos traballadores, destaca que case o 86% das consultadas considera que o estereotipo ou imaxe irreal máis presente é que aínda se considera a súa profesión como "dependente" doutro colectivo sanitario. En segundo lugar (51%), que sexa un traballo "vocacional e sen corpo de coñecementos propio", seguido de ser unha "profesión sexualizada" (44,2%), ser "exclusivamente feminina" (38,1%) e non ter unha formación universitaria de Grao (25,6%). 

Entre os comentarios persoais recollidos, o SATSE destaca que constatan "que aínda persiste unha importante falta de respecto e, en ocasións, mesmo desprezo, ao minusvalorar a profesión en si e as enfermeiras por razón de xénero". 

Dúas enfermeiras do Sergas nun hospital de Galicia CC-BY-SA Xunta

Os comentarios, destaca a central, adoitan aludir a que o home ten un status ou categoría superior fronte a unha muller á que se lle atribúe "roles arcaicos e retrógrados". "Ti non sabes, que veña un home que si sabe...", din que é unha das frases máis escoitadas polas enfermeiras. Do mesmo xeito, son moi comúns os comentarios "sexualizados", con expresións como "nena" ou "bonita" para se referir ás traballadoras. "Mesmo outros máis ferintes, denigrantes e ofensivos que afectan a súa intimidade", aclaran. Para máis do 80% das persoas participantes na enquisa, estes estereotipos sexistas "supoñen un retroceso no desenvolvemento profesional".

Ademais, case a totalidade dos profesionais consultados (94,7%) polo SATSE considera que "non teñen o recoñecemento e visibilidade social que lles corresponde pola súa responsabilidade, cualificación e competencia profesional". Alén disto, máis do 90% pensa que a imaxe que medios, cine ou redes sociais trasladan da enfermaría "non é acorde ás súas competencias e funcións dentro do sistema sanitario". 

Así, SATSE decidiu lanzar unha nova campaña de información e sensibilización ante o que considera unha "inaceptable realidade" para un espazo profesional "líder e autónomo no coidado do conxunto da sociedade". "Quédanos un importante traballo por facer como profesión para acabar cos tópicos arcaicos e sexistas que nos lastran historicamente", di o sindicato, que pide implicar os medios, a sociedade e os profesionais para "ser quen de transmitir o que é un enfermeiro ou unha enfermeira no día de hoxe e a achega que para a saúde a cidadanía poden supoñer". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.