SATSE denuncia que 8 de cada 10 enfermeiras de Galicia sufriron algunha agresión de pacientes ou familiares

Dúas enfermeiras do Sergas nun hospital de Galicia CC-BY-SA Xunta

Nos dous últimos anos, marcados sanitariamente pola pandemia do Covid-19, dous de cada tres profesionais sufriu algún tipo de agresión en Galicia

O Sindicato de Enfermería SATSE vén de publicar os resultados dunha macroenquisa realizada nos últimos meses a un total de 7.359 enfermeiras e enfermeiros de todo o Estado co obxectivo de levar a cabo unha "radiografía actualizada sobre o grave problema de violencia no ámbito sanitario". 

En Galicia o 79,45% das e dos profesionais consultadas por SATSE sufriu algunha agresión, xa sexa física (empurróns, retencións involuntarias, puñadas...) ou verbal (ameazas, vexacións, insultos...) ao longo da súa vida laboral por parte de pacientes e ou de familiares destes mentres desempeñaban o seu labor asistencial e de coidados nun centro sanitario ou sociosanitario.

Proba de detección da COVID nun centro sanitario galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

SATSE denuncia que nestes últimos dous anos o ambiente laboral nos centros sanitarios e sociosanitarios e a relación cos pacientes "empeorou"

O 53,10% foi agredida ata en 5 ocasións; o 9,73%, entre 6 e 10 ocasións; o 17,70% en máis de 10 ocasións e o 19,47%, nunha única ocasión. A maior porcentaxe de enfermeiras e enfermeiros agredidos rexistrouse nos servizos hospitalarios.

Nos dous últimos anos, marcados sanitariamente pola pandemia do Covid-19, dous de cada tres profesionais sufriu algún tipo de agresión en Galicia, o 65,77% por cento das enfermeiras e enfermeiros. O sindicato denuncia que nestes últimos dous anos o ambiente laboral nos centros sanitarios e sociosanitarios e a relación cos pacientes "empeorou". Así o manifesta na enquisa o 83,70% das enfermeiras e enfermeiros consultados na enquisa.

O sindicato destaca que todos estes datos son "moi graves e alarmantes" e "deberían facer actuar de maneira conxunta, coordinada e eficaz a todas as administracións"

Ao preguntar polo tipo de agresión sufrida, SATSE destaca que a máis frecuente son as ameazas (aparecen no 72% dos casos) e os insultos (71%), seguidas das vexacións (25%). No referido ás agresións físicas, sufríronas o 22,52 por cento das enquisadas e enquisados.

O sindicato destaca que todos estes datos son "moi graves e alarmantes" e "deberían facer actuar de maneira conxunta, coordinada e eficaz a todas as administracións públicas e empresas sanitarias privadas". SATSE reclama unha Lei estatal "que loite contra esta grave secuela" que afecta especialmente ao colectivo de enfermeiras e enfermeiros "pola súa relación máis estreita e próxima co paciente e os seus familiares".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.