Ecoloxistas denuncian o "maltrato" de animais nas cabalgatas de Reis en Ourense, Moaña e O Porriño

Renos na Cabalgata de Reis en Ourense © Ecoloxistas en Acción

Dromedarios, cabalos ou asnos sufriron "maltrato animal", segundo Ecoloxistas en Acción

O pasado xoves pola tarde cidades e vilas galegas acolleron as tradicionais cabalgatas dos Reis Magos. Ata hai uns anos a tradición incluía a participación de animais nestes desfiles, dende cabalos ata renos (acompañando a Papa Noel) e camelos e dromedarios (cos propios Reis Magos). Porén, nos últimos anos a maior parte das cabalgatas decidirons evitar a presenza de animais polo sufrimento que estes espectáculos lles provocaban, sobre todo derivado das grandes aglomeracións de xente, o ruido e iluminación excesivas e a propia interacción co público que agardaba polo paso da cabalgata, que moitas veces tocaba os propios animais.

Con todo, segue habendo algunhas localidades que continúan incluíndo animais nestas procesións, unha práctica moi criticada tanto polo animalismo coma polo ecoloxismo. Sucedeu a pasada semana en Ourense, Porriño ou Moaña, onde se viron dromedarios, cabalos ou asnos, que sufriron "maltrato animal", segundo Ecoloxistas en Acción, que denuncia a decisión adoptada por estes tres concellos, pero tamén a inacción por parte da Xunta de Galicia.

Animais na Cabalgata de Reis en Ourense © @gonzalojacome

A organización insta á Xunta a modificar a súa Lei de Benestar Animal para prohibir esta práctica

Ecoloxistas en Acción denuncia que "na normativa autonómica existe un baleiro que permite estes paseos con toda clase de animais, xa que a Lei de Benestar Animal de 2017 só veta o uso en funcións circenses e só regulamenta os eventos con animais de compañía". Por este motivo a organización reclama a modificación da norma para excluír de forma expresa o uso de animais nestes espectáculos.

A Lei de Benestar Animal prohibe "empregar animais en atraccións feirais e outras asimilables" e tamén "utilizar animais en pelexas, festas, espectáculos ou calquera outras actividades que leven malos tratos, crueldade ou sufrimento", pero non desenvolve ou concreta esta prohibición.

Sinala especialmente o sucedido en Ourense, onde "os tres dromedarios se atopaban asustados ante os tocamentos masivos dos centos de persoas amoreadas ao redor"

Ecoloxistas en Acción sinala especialmente o sucedido na cabalgata de Ourense, onde "os tres dromedarios usados no evento se atopaban asustados e nervosos ante os tocamentos masivos das centenares de persoas amoreadas ao redor deles". A entidade explica que "de feito, o desfile en Ourense sufriu varias interrupcións debido aos problemas con varios dos dromedarios, un dos cales non quería continuar ao princípio e outro se amulou durante o percorrido asustado, seguramente, pola aglomeración de xente". "O seu coidador tardou en conseguir que o cuadrúpedo tranquilizase e seguise o seu camiño", engade.

Animais na Cabalgata de Reis en Ourense © Ecoloxistas en Acción

Os animais "soportaron unha elevada carga de estrés e esgotamento xa ao seren transportados durante horas desde Valladolid"

A organización ecoloxista subliña que os animais "soportaron unha elevada carga de estrés e esgotamento xa ao seren transportados durante horas desde Valladolid e tamén polos ruídos, tocamentos, luces e gritos duns coidadores que se dirixían a eles en termos insultantes". Ecoloxistas en Acción salienta que "resulta un paradoxo especialmente rechamante que isto se produza nun Concello que en 2017 se declarou libre de 'espectáculos con animais'". 

En Moaña na cabalgata houbo dromedarios, cabalos e asnos e no Porriño usáronse dromedarios, sinala

Así mesmo, a entidade comenta que en Moaña na cabalgata houbo dromedarios, cabalos e asnos. "Segundo as testemuñas, mesmo recollidas en videos que circularon polas redes sociais, un dos dromedarios non podía manterse recto, debido ao peso que soportaba e ao estado do chan que pisaba, que non era o adecuado para eles", di. Tamén o concello de Porriño utilizou dromedarios para a cabalgata, "expoñendo a situacións de estrés fóra do seu hábitat a estes animais", afirma a organización.

Noutras cabalgatas, coma a de Pontevedra ou a de Lugo optouse por usar falsos animais, por exemplo en forma de disfraces movidos no seu interior por actores que fixeron o percorrido do desfile acompañando así as carrozas.

Uso de 'falsos camelos' na cabalgata de Reis de Pontevedra © Concello de Pontevedra
Animais na Cabalgata de Reis en Ourense © Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.