Os Reis Magos chegan a Galicia en tren, barco... ou tractor

Cabalgata de Reis en Vigo, nunha imaxe de arquivo © Concello de Vigo

Os Reis Magos volven a Galicia na primeira cabalgata en plena normalidade, despois de que o pasado ano aínda tiveran que aplicarse medidas de seguridade sanitarias motivadas pola pandemia de COVID. Serán, ademais, cabalgatas que contarán con tempo seco en toda Galicia, sen precipitacións que si se esperan para a tarde do propio día de Reis, o venres.

Haberá sorpresas, como por exemplo na Coruña, onde este ano a Cabalgata estará dedicada ao ano Picasso e a arte na infancia. Ou en Lugo, onde os Magos de Oriente estarán acompañados na Cabalgata por Máximus, a mascota do Breogán

As súas maxestades de Oriente percorrerán as rúas das cidades e vilas, pero tamén chegarán a todos os recunchos de zonas máis rurais. Chegarán ao país en barco, en tren e mesmo en tractor e en todos os lugares levarán caramelos e outros agasallos para as crianzas que estean a agardar por eles.

Haberá tamén sorpresas, como por exemplo na Coruña, onde este ano a Cabalgata estará dedicada ao ano Picasso e a arte na infancia, con carrozas con cores e luces que representarán diferentes etapas da vida de Pablo Picasso e dos seus símbolos: arlequíns, figuras imaxinarias, a pomba ou a música. Ou, por exemplo en Lugo, onde os Magos de Oriente estarán acompañados na Cabalgata por Máximus, a mascota do Breogán.

A cabalgata, na Coruña, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

Así mesmo, en Santiago, Ames, Melide, Mazaricos, Caldas de Reis e Ribadeo personaxes de gandeiros e gandeiras galegos formarán parte das cabalgatas de Reis para reivindicar o valor do rural, nunha iniciativa da cooperativa CLUN, que conta con máis de 3.500 socios e socias en toda Galicia.

En Santiago, Ames, Melide, Mazaricos, Caldas de Reis e Ribadeo personaxes de gandeiros e gandeiras galegos formarán parte das cabalgatas de Reis para reivindicar o valor do rural

En moitas localidades do rural galego, ademais, os Reis Magos empregarán tractores para desprazarse. É o caso de Mazaricos, que nos últimos anos converteu este medio de transporte nas comitivas reais en todo un símbolo e unha reivindicación da importancia do sector agrogandeiro na localidade. As rúas da Picota acollen dende as 17 horas a Gran Tractorada de Reis, un evento co que as súas Maxestades de Oriente poñen o broche a unha completa programación de Nadal reivindicando o carácter rural de Mazaricos. De igual xeito, en Brión os Reis Magos visitarán todas as parroquias do concello ao longo do xoves 7 con música de charanga e chocolate con rosca.

Finalmente, tamén Tui e Valença manteñen este ano a tradición, xa asentada, de realizar conxuntamente as súas cabalgatas, que adoptan deste xeito un senso internacional, unindo as dúas localidades que conforman a eurocidade. A cabalgata comeza na estación de tren da vila portuguesa, percorrendo primeiro Valença e cruzando a Ponte Internacional sobre o Miño para rematar en Tui.

Horarios e percorrido nas sete cidades

Vigo: Pola mañá, de 11 a 14.30 haberá unha cabalgata estática na Avenida de Castelao. A partir das 17.30 a comitiva moverase por López Mora, Pi i Margall e o Paseo de Alfonso ata a Porta do Sol

A Coruña: Na Coruña os Reis Magos partirán dende a esplanada do mercado da Sardiñeira ás 18 horas e pasará pola avenida de Oza, Catro Camiños, os Cantóns e a Mariña ata chegar á Praza de María Pita

Os Reis Magos en Mazaricos, nunha imaxe de arquivo © Concello de Mazaricos

Ourense: En Ourense os Reis Magos chegarán á Estación de Tren da cidade ás 17.30 horas. Dende alí pasará pola rúa Eulogio Gómez Franqueira, a avenida das Caldas, a rúa Progreso e Doutor Marañón ata chegara á Praza Maior.

Lugo: A cabalgata sairá ás 18 horas dende o parque da Milagrosa para chegar á Casa do Concello, onde se espera a súa chegada ás 19.15 horas 

Santiago: A cabalgata partirá ás 17 horas dende a Praza da Mercé de Conxo e chegará ata a Praza do Obradoiro

Pontevedra: A cabalgata partirá ás 18 horas dende a Avenida de Lugo e percorrerá as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, Michelena, a praza do Concello e até a rúa Alameda. Porén, antes deste tradicional paseo, as súas maxestades de Oriente participarán en diversos actos pola cidade ao longo do día.

Ferrol: Os Reis Magos chegarán en barco ao peirao de Curuxeiras ás 17.00 horas. Ás 18.00 horas a cabalgata partirá dende a rúa Venezuela, atravesando a Estrada de Castela e a Praza de España ata a Praza de Armas.

Os Reis Magos en Frades, nunha imaxe de arquivo © Concello de Frades
Os Reis Magos en Brión, o pasado ano © Concello de Brión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.