Os Reis Magos adáptanse á pandemia por segundo ano para chegar a Galicia

Os Reis Magos, na Coruña en 2021 © Concello da Coruña

Hemeroteca

Por segundo ano consecutivo, os Reis Magos chegan a Galicia, como a tantos outros sitios, condicionados pola pandemia da COVID-19. A actual vaga do virus obrigou a modificar parte dos seus plans en vilas e cidades, virando en "estáticas" algunhas das cabalgatas ou adaptando os desfiles e recepcións ás medidas sanitarias. Así e todo, as súas maxestades xa confirmaron que nenas e nenos poden agardar por eles, porque van chegar. Velaquí algunhas das súas previsións para este 5 de xaneiro de 2022 nas principais cidades galegas.

A Coruña

O Concello da Coruña confirmou cos Reis Magos que neste 2022 recuperan a tradicional cabalgata, aínda que adaptada aos protocolos sanitarios. Sairá ás 18h dende o aparcadoiro da Sardiñeira, nos Mallos, e finalizará contra as 20:30h na praza de María Pita. Teñen previsto desfilar pola rolda de Outeiro, avenida Alcalde Pérez Ardá, rúa Ramón y Cajal, avenida do Exército, avenida de Primo de Rivera, avenida de Linares Rivas, praza de Ourense, Os Cantóns e mais pola avenida da Mariña ata chegar á Porta Real e acceder a María Pita, onde haberá un control de acceso para garantir que non se sobrepase a ocupación permitida polos protocolos. 

Lugo

Este ano, a parada dos Reis en Lugo será na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire, no parque da Milagrosa. Alí recibirán ás nenas e nenos de 12h a 14h e de 17:30h a 19:30. O Concello lucense detalla que, "para amenizar a espera" do encontro cos reis, a veciñanza máis miúda da cidade contará con varios espectáculos e tamén con criaturas fantásticas como cisnes, cebras, bonecos, unicornios ou o curioso Rancho de Reis Xeitoso, da compañía Reviravolta.

Ourense

Na cidade de Ourense os Reis tamén saudarán ás nenas e nenos co formato tradicional da cabalgata, que ademais se celebrará "con ou sen chuvia", asegurou o Concello. Sairá da estación da ponte ás 18h e chegará ao Xardín do Posío arredor das 19:15h tras percorrer a avenida das Caldas e a rúa do Progreso. Nesta ocasión non haberá recepción "por protocolo COVID", sinalan, pero si anticipan que irán acompañados "dun grande espectáculo" durante o desfile.

Pontevedra

Ante a previsión de chuvia, os Reis Magos adaptaron os plans que tiñan en Pontevedra. Co formato de "cabalgata estática", as súas maxestades pasan de citar as nenas e nenos na Praza do Concello a facelo no Recinto Feiral. Alí estarán dende as 11 da mañá e ata as dúas da tarde, e despois de 16h a 20:00. O Concello pontevedrés subliña que as nenas e nenos que estean no interior do recinto no momento do peche non deben preocuparse, porque quen estean a esperar serán atendidos polos Reis. Grupos de animación musical e artística tamén amenizarán a espera.

Os Reis Magos conversan cun neno en San Domingos de Bonaval (Santiago) o 5 de xaneiro de 2021 © Concello de Santiago

Santiago

Por segundo ano consecutivo, os Reis Magos optan en Compostela por recibir ás nenas e nenos en San Domingos de Bonaval e alí, se o desexan, "poderán entregarlles persoalmente a súa carta". Sinala o Concello que, malia ao inicialmente previsto, tiveron que cancelar a cabalgata por motivos sanitarios. Para acceder á recepción en Bonaval cómpre retirar convites no sitio web de venda de entradas de Abanca.

Vigo

Tamén en Vigo os Reis Magos tiveron que refacer os seus plans e virar en "estática" a súa cabalgata. Recibirán os nenos e nenas na Avenida de Castelao nun horario aínda pendente duns últimos axustes pola chuvia pero que, en todo caso, será a partir das 14h como mínimo, explica o Concello. Os Reis Magos e toda a súa comitiva estarán alí ata as 21:30h. Para acceder ao recinto é preciso reservar un pase no sitio web do Concello.

Ferrol

En Ferrol os Reis Magos desfilarán en cabalgata segundo o previsto polo Concello. O desfile partirá arredor das 17h da rúa Pardo Bazán, no barrio de Caranza, e finalizará fronte ao Teatro Jofre, onde está previsto que os Reis saian ao balcón para saúdar os nenos e nenas arredor das oito e media. O percorrido da cabalgata será pola avenida do Mar, polas Telleiras e mais pola avenida de Esteiro. Oito carrozas, agrupacións musicais e diversas accións de animación acompañarán unha cabalgata que, por mor da COVID, non incluirá recepción baixo teito. Este desfile chega despois do dedicado á zona rural do Concello, que se celebrou este martes, día 4.

Chegada dos Reis a Lugo, este 5 de xaneiro de 2022 © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.