Retrocorenta 10: Especial Nadal

Retrocorenta 10 - Especial Nadal CC-BY-NC-SA Imaxe Retrocorenta: © Isabel Vila | Montaxe: Praza.gal

Hemeroteca

https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Hai dez programas comezamos a facer memoria sobre as últimas catro décadas de Galicia. Iso levounos aos anos 80, aos anos 90 e aos primeiros 2000. A chamar dende cabinas telefónicas, a entrar en espazos pechados con cantidades impensables de fume, a recuperar temazos musicais ou mesmo a saír pola noite, catar un cocido ou visitar un restaurante que xa non existe.

E así, andando o ano, fomos chegando a estas datas entrañables. E, que é o que facían en calquera programa cun mínimo de prestixio naqueles anos? Efectivamente: un especial de Nadal! Temos unha entrevista en exclusiva cun dos protagonistas destas datas, desde as montañas do Courel conectamos co Apalpador para coñecer un pouco máis ao encargado de repartir agasallos nestas datas tan especiais. Xa vos adiantamos que retranca non lle falta. 

Como bo especial de Nadal, temos a visita dun familiar que nos conta en primeira persoa como se celebraban as festas alá polo ano 1981 e, incluso, como mudaron as cousas con respecto a anos difíciles nos que nin celebracións había. Sen nostalxia nin saudade, coa morriña propia do momento, facemos memoria por última vez neste Retrocorenta para non esquecer quen nos trouxo ata aquí.

Retrocorenta é unha coprodución entre Praza e VINTE e está conducido por David Lombao e Ana G. Liste. Ao longo destes dez episodios, que se poden escoitar no espazo de Retrocorenta en Praza.gal e tamén na plataforma Ivoox e en Podgalego, falamos da Movida de Vigo, do Bravú, da literatura a partir dos Días das Letras máis pop, das nosas deportistas, da gastronomía e a cociña, da chegada da internet a Galicia, das historias de autobús, das verbenas, da televisión en galego... 

E todo isto tirando dos fíos destes últimos 40 anos ata a Galicia dos anos vinte, por iso Retrocorenta tamén está en Instagram. Non perdades este último episodio especial, pois nel hai varias sorpresas que chegaron a través do contestador para todas e todos os ouvintes deste podcast que nos acompañou nun 2021 marcado aínda pola pandemia da COVID. Pili Pampín, Xosé Ramón Gayoso, Marilar Aleixandre, Carlos Meixide e Xurxo Souto están de volta para compartir os seus desexos de fin de ano. 

Retrocorenta remata aquí, pero os dez episodios quedan aí como unha pinga máis na historia galega. Para 2022 virán novas aventuras, das que iremos dando conta ao seu tempo. Saúde!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.