Na Coruña, Ourense e Ferrol houbo cabalgatas tradicionais, pero adaptadas ás medidas sanitarias
Nin a chuvia que caeu este mércores pola tarde e noite en boa parte de Galicia nin a pandemia de COVID foron quen de deter os Reis Magos, que superando estes obstáculos percorreron as rúas e camiños de todo o país para ledicia dos nenos e nenas que agardaban por eles. As cabalgatas e actividades, iso si, adaptáronse en moitos lugares ás necesarias medidas de prevención, o que levou á organización de eventos moi distintos nunhas e noutras cidades e vilas.
Así, na Coruña, Ourense e Ferrol houbo cabalgatas tradicionais, pero adaptadas ás medidas sanitarias. As carrozas percorreron a cidade herculina entre o barrio dos Mallos e a praza de María Pita. En Ferrol o percorrido uniu o barrio de Caranza e o Teatro Jofre. E en Ourense foi dende a Estación da Ponte ata o Xardín do Posío.
En Vigo, Lugo, Pontevedra ou Santiago os habituais percorridos dinámicos foron substituídos por outro tipo de encontros cos máis pequenos e pequenas
E, en cambio, en Vigo, Lugo, Pontevedra ou Santiago os habituais percorridos dinámicos foron substituídos por outro tipo de encontros cos máis pequenos e pequenas. Por exemplo, en Compostela os Reis levaron a cabo -por segundo ano consecutivo- unha recepción en San Domingos de Bonaval. En Lugo o escenario escollido foi o Auditorio Gustavo Freire, no parque da Milagrosa. En Pontevedra o encontro tivo lugar no Recinto Feiral e en Vigo a cabalgata estática estivo instalada na Avenida de Castelao.
Os Reis Magos non ficaron unicamente nas cidades e tamén visitaron as vilas e os concellos rurais de toda Galicia
Por suposto, os Reis Magos non ficaron unicamente nas cidades e tamén visitaron as vilas e os concellos rurais de toda Galicia. Ribadeo, Melide, Curtis, Monforte, Frades, Ames ou Mazaricos foron escenarios de cabalgatas ou de encontros entre as Maxestades de Oriente e os nenos e nenas de cada localidade.
Velaquí unha breve mostra en imaxes do percorrido dos Reis Magos este mércores pola tarde por distintos lugares da xeografía galega, no que non faltaron -na maioría de localidades- os habituais caramelos e outros agasallos.