Os Reis Magos percorreron Galicia na tarde e na noite de onte. Primeiro, achegándose ás cidades, vilas e aldeas en grandes cabalgatas ou en visitas parroquia a parroquia, e despois deixando agasallos ao longo da noite para crianzas e maiores.
As Cabalgatas recuperaron a normalidade que perderan nos dous últimos anos, marcados pola pandemia de COVID e milleiros de persoas saíron ás rúas para ver de preto as Maxestades de Oriente e as súas carrozas.
Na Coruña, por exemplo, unhas 130.000 persoas despregáronse ao longo do percorrido da comitiva, que dende o barrio dos Mallos pasou por Catro Camiños e a Mariña para chegar á Praza de María Pita.
Pero non só as cidades foron escenario de cabalgatas, senón tamén os concellos rurais organizarons os seus desfiles. En Mazaricos, como xa vén sendo tradición nos últimos anos, os Reis chegaron en tractor e en tractores percorreron a localidade, lanzando caramelos aos nenos e nenas que por eles agardaban. En localidades mariñeiras -como Ferrol- as súas Maxestades chegaron en barco e noutros lugares -por exemplo, Ourense- escolleron o tren.
Podes ver nesta Galería de Imaxes algunhas das moitas cabalgatas organizadas en Galicia, tanto nas cidades coma noutras localidades.