Tras unha consulta pública, o campus de Vigo acolleu este luns o bautizo en busca dun maior recoñecemento a galegas que “xogaron un papel fundamental que a historia non reflicte”
Exeria, Filomena Dato e Ernestina Otero son os novos nomes, desde este luns, dos edificios do campus universitario de Vigo anteriormente coñecidos como Xerencia-Servizos Centrais, Anexo a Xerencia e Reitoría. O bautizo, que correu a cargo da presidenta do Consejo de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, ex-vicepresidenta do Goberno Central, foi presentado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, como o desexo da institución de recoñecer a tres galegas que “xogaron un papel fundamental que a historia non reflicte e que debe figurar, porque fai xustiza e aspiramos a unha sociedade mellor e feminista, sen dúbida”.
O bautizo dos tres edificios do campus vigués con nomes de mulleres foi decidido a través dunha consulta pública desenvolvida nos últimos meses e concretouse este luns cunha xornada de recoñecemento á figura da muller. Nela, Fernández de la Vega, que impartiu tamén un relatorio sobre igualdade de dereitos, salientou a importancia dunha decisión que “recupera a memoria e o compromiso da historia de Galicia coas mulleres e a igualdade, un dos elementos máis importantes do progreso dos sistemas democráticos”.