Fiscalía e afectados pola hepatite C volven recorrer para levar a xuízo os cargos da Xunta que foran acusados de homicidio

Doentes de hepatite C protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O pasado 27 de novembro, máis de tres anos e medios despois da denuncia da Fiscalía, o xuíz instrutor da investigación penal polas mortes de varios doentes de hepatite C polas que foron acusados varios cargos da Xunta de homicidio por “razóns orzamentarias” arquivou o caso. O maxistrado Andrés Lago Louro considerou que non hai indicios de que os investigados fosen responsables dos falecementos nun auto que xa foi recorrido. 

Afectados e Fiscalía insisten na petición de que se abra xuízo oral contra os dous cargos da Xunta que foran acusados de homicidio

A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PGAH) e a Fiscalía coincidiron, aínda que por diferentes vías de recurso, nas deficiencias que desde o punto de vista técnico tería a fundamentación do xuíz e, sobre todo, no convencemento de que había "indicios dabondo" para a apertura de xuízo oral, momento no que a actuación dos investigados debería ser valorada, nunca antes. 

A PGAH presentara un recurso de reforma contra ese auto do 25 de novembro, pero o pasado 9 de xaneiro o maxistrado Andrés Lago Louro desestimouno, polo que os afectados presentaron un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, ao igual que vén de facer a Fiscalía, que xa presentara outro de apelación contra o arquivo da causa. Xa que logo, afectados e Ministerio Público insisten na súa intención de que se abra xuízo oral e os dous cargos da Xunta comparezan ante un xuíz. 

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

A Fiscalía lembra, como xa fixera antes, en que "a actuación dos investigados debe ser valorada no acto de xuízo oral con todas as garantías para as partes" e que, polo tanto, "tal valoración non debe de ser anticipada polo xuíz instrutor, por corresponderlle ao órgano de axuizamento", tal e como destacan fontes do Ministerio Público. 

A plataforma de afectados insiste na "gran carga probatoria" e nos "indicios de culpabilidade" que acreditarían "numerosos testemuños"

Lago Lourom, pola súa banda, insiste en que aos dous cargos da Xunta investigados, o que era director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado, non se lles pode imputar o falecemento dos pacientes, que tería tido lugar por "causas alleas á demora, omisión ou dilación na tramitación das peticións ou solicitudes de aplicación dos novos fármacos"

O maxistrado, no auto no que desestima o recurso de reforma, insiste en que dos testemuños aos que apela a acusación particular --os dos doutores Evaristo Varo e Esther Molina-- non se pode concluír "unha carga probatoria de carácter inculpatoria", senón "discrepancias" nos criterios e procedementos establecidos para regular o acceso dos doentes aos novos fármacos para combater a hepatite C. E alega, ademais, o total descoñecemento destas persoas da tramitación administrativa destas peticións.

O recurso da PGAH, ao que tivo acceso Praza.gal, insiste na existencia dunha "gran carga probatoria", así como de "indicios razoables de culpabilidade acreditado por numerosos testemuños" e asegura que Varo e Molina "expresaron rotundamente os graves problemas que tiveron á hora de acceder aos fármacos". 

Hai, segundo os afectados, "numerosos testemuños que ratifican o atraso no subministro dos fármacos, a falta de total organización para este subministro, as numerosas peticións que se tiveron que realizar para un mesmo paciente, a restricción arbitraria nos criterios de acceso ao medicamento, entre outras cuestións, e que achegan elementos indiciarios da responsabilidade dos investigados polos delitos imputados".

Fronte a opinión da Fiscalía e dos afectados de que o xuíz debe limitarse á busca de indicios e non a xulgar xa, Lago Louro responde que entre os seus labores como instrutor tamén está o de "evitar innecesarios xuízos". 

A Fiscalía e os afectados lembran que os investigados eran "responsables directos" da tramitación das solicitudes dos tratamentos e da súa autorización

Para a plataforma, o xuíz, "lonxe de facer un xuízo provisional de probabilidade sobre a comisión do ilícito, realiza unha compelta valoración definitiva dos mesmos antes de coñecer as pretencións das partes acusadoras". 

Ademais, e respecto das competencias dos dous cargos da Xunta investigados, o recurso dos afectados remítese ao de apelación presentado pola Fiscalía, que "con meridiana claridade" desenvolve "cales eran as competencias dos investigados como membros da subcomisión que decisión sobre os tratamentos da hepatite C, que distan moito das recollidas no auto de sobresemento". 

Así, lembra que este organismo "encargábase de tramitar as solicitudes para poder recibir tratamento e tíñaas que autorizar para que este fose dispensado". "Os investigados --di-- eran responsables directos do devandito procedemento, sen cuxa sinatura non se podía subministrar nin adquirir o fármaco. Esta competencia é a que cómpre analizar e a que determina a súa responsabilidade", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.