Mellor comarca do Courel que comarca de Quiroga. O Concello de Folgoso do Courel aprobou o pasado venres 28 solicitar á Xunta que a comarca onde se asenta mude o seu nome para levar o da serra que atravesa a maior parte do territorio dos tres municipios que acompañen.
Todos os partidos da corporación, por unanimidade, aprobaron a proposta de C@urel Vivo
Por unanimidade, todos os partidos da corporación votaron a favor da proposta de C@urel Vivo, formación que impulsou a iniciativa que apoiaron logo PP e PsdeG. Nela, advírtese da importancia de “avanzar na internacionalización do nome como marca para dinamizar o turismo e os produtos de toda a comarca”.
Agora, e logo de aceptarse a emenda do equipo do goberno local, do PP, a medida aprobada será comunicado aos outros dous concellos afectados pola solicitude, Quiroga e Ribas do Sil, de quen C@urel Vivo espera que “teñan altura de miras” e aposten tamén por impulsar o cambio.
O partido impulsor da demanda advirte das vantaxes para o turismo e a internacionalización do Courel
“Gañamos todas e todos adquirindo o nome dunha das serras máis importantes e coñecidas de Galicia, axudando tamén a unificar nomes como o do Xeoparque Montañas do Courel, no que están implicados os tres concellos”, explica a formación impulsora dunha demanda, que lembra que o nome da comarca veciña é a dos Ancares e “non de Becerreá por ser esa a vila de influencia” como ocorre no seu caso con Quiroga. “Por que no noso caso non?”, pregúntase.
“Sería beneficioso para os tres concellos que integramos a comarca que o nome dela collese o nome da serra, tanto no ámbito do turismo como para os productos que se producen na comarca ou pola integración de proxectos con este nome común”, explican desde a formación, que lembra tamén que, por exemplo, nas buscas en Google da zona como destino turístico Courel é a palabra máis procurada, por riba de expresións como Caurel ou a propia Quiroga.