VG-20, A-55, A-52, AP-9, PO-552 e Gran Vía acollen xa ou acollerán traballos nos próximos días que afectarán ao tráfico
Este mércores 17 de xullo o Ministerio de Fomento iniciará unha sucesión de obras nas principais vías estatais de acceso ou circunvalación de Vigo que ao longo das próximas semanas coincidirán no tempo con traballos da Xunta e o Concello nalgunhas das principais arterias da cidade. As tres administracións aseguran que os prazos e tempos dos traballos están pensados para minimizar as molestias aos usuarios, pero coincidirán coas semanas centrais do verán, a época de maior volume de tráfico na zona segundo veñen rexistrando ano tras ano os datos oficiais das propias administracións implicadas.
As obras de Fomento, de reparación e renovación do firme, comezan pola VG-20, a circunvalación da cidade polo oeste, nos seus 12 quilómetros de lonxitude entre Bouzas e o alto de Puxeiros, coincidentes en parte co trazado da AG-57 ao Val Miñor e que desembocan na AP-9 e a A-55. Nesa mesma zona oeste da cidade a Xunta ten tamén en marcha obras na PO-552 que comunica Vigo tamén co Val Miñor, uns traballos que se desenvolven ao longo de 4,5 quilómetros e que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou este martes.

Os traballos de Fomento seguirán nos vindeiros días en tres dos principais acceso á cidade: polo sur na A-55 que a comunica con Tui, en tramos puntuais ao longo de 18 quilómetros entre esa vila e o alto de Puxeiros, no límite con Vigo; polo leste na A-52, en catro quilómetros desde a súa conexión no Porriño coa A-55; e polo norte túnel de Isaac Peral, na entrada da AP-9 na cidade. Os traballos de renovación do firme na A-55 prodúcense ao tempo que nesa mesma vía, na que o tráfico está limitado a 60 quilómetros por hora en varios puntos, seguen a demorarse as obras de mellora da seguridade viaria que se veñen realizando desde hai meses.
Pola súa banda, o Concello de Vigo vén desenvolvendo obras en varias rúas e estradas da cidade, as máis importantes das cales manteñen reducidos ao mínimo desde hai uns días os carrís de circulación pola Gran Vía, a principal arteria da cidade, no seu treito máis céntrico, á altura do Corte Inglés.
