Galicia acolle a primeira sentenza que recoñece a indemnización a un pai por negarlle o plus de maternidade

Un pai ata o cordón dun zapato a un neno CC-BY-SA Xunta

Primeira sentenza que recoñece a un pai non só o complemento de maternidade na súa pensión, senón tamén unha indemnización a maiores por discriminación. Foi a Sala Xeral do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) quen a emitiu, tras o ditame do pasado mes de setembro do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) que decretara que España debía indemnizar aos pais que reclamasen xudicialmente o seu complemento de maternidade.

Así, o Superior galego converteuse no primeiro tribunal en recoñecer o dereito dun recorrente a ser indemnizado polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) con 1.500 euros polos danos e prexuízos causados, derivados da vulneración do dereito fundamental á igualdade. E faino logo de que o mesmo TSXG consultara mediante unha cuestión prexudicial ao TXUE sobre a situación. 

Un pai, coa súa filla pequena CC-BY-SA Xunta

O TSXG recoñece o dereito dun pensionista a ser indemnizado pola Seguridade Social con 1.500 euros polos prexuízos que supuxo a vulneración do seu dereito á igualdade

Agora, o Superior entende que a cantidade fixada —1.500 euros— é suficiente para “compensar integramente os prexuízos efectivamente sufridos como consecuencia da discriminación, segundo as normas nacionais aplicables, incluídas as custas e os honorarios de avogado nos que o interesado incorrese con ocasión do procedemento xudicial”. A xuízo dos maxistrados do alto tribunal, é unha cantidade que “restablece ponderadamente a igualdade nos dous planos (material e procedemental) aos que se refire o TXUE e resarce os danos sufridos polo actor, axustándonos ao solicitado polo propio beneficiario (congruencia)”.

A Sala en pleno, formada por 15 maxistrados, destaca que a resolución do INSS que denegara o complemento de maternidade “vulnerou o seu dereito a non ser discriminado por razón de sexo”. Ademais, o TSXG volveu fixar —como fixo en centos de sentenzas— os efectos retroactivos do complemento de maternidade na data do feito causante da prestación complementada. 

Na resolución, o TSXG destaca que “resulta xa indiscutible o dereito dos homes a gozar do complemento de maternidade en igualdade de condicións ás mulleres”. A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe presentar recurso de casación.

O conflito derívase do plus de maternidade das pensións aprobado polo PP en 2016 só para nais de dous ou máis fillos e que non foi corrixido ata 2021

O conflito afecta desde hai anos ao complemento de maternidade das pensións só para nais de dous ou máis fillos que aprobou o PP en 2016. En decembro de 2019, o TXUE xa declarara que este complemento era discriminatorio por razón de sexo, pero non foi ata 2021 —co goberno de coalición progresista no poder— cando se corrixiu, estando agora vixente o real decreto que regula o complemento para reducir a fenda de xénero e que si impide explicitamente que os dous proxenitores gocen del. 

Un home empuxa un carriño dun bebé CC-BY-SA Xunta

Logo daquel ditame da xustiza comunitaria, foron numerosos os pais xubilados ou con pensión os que reclamaron á Seguridade Social ese complemento, que era negado pola Administración e que acababa coas demandas nos xulgados. 

Ante esa situación, no pasado mes de setembro, o TXUE determinaba que os pais estaban sendo sometidos a unha dobre discriminación, por ser os homes os únicos que tiñan que reclamar este dereito por vía xudicial, e recoñecía o dereito a percibir o complemento de maneira automática e a cobrar unha indemnización adicional, ademais das custas e os cobros do avogado. 

Neste caso, foi un pai galego de dous fillos o que solicitou en novembro de 2020 á Seguridade Social que recoñecese o seu dereito ao complemento da prestación de incapacidade permanente que levaba dous anos percibindo. Ao serlle negada a súa petición, acudiu aos tribunais, que en primeira instancia lle recoñeceron o dereito a ese plus pero non a indemnización ningunha. O home e as autoridades estatais recorreron ao TSXG, que vén de recoñecer a indemnización de 1.500 euros nunha sentenza pioneira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.