A Semana Santa supón o reto máis importante para a contención da pandemia ata a chegada do verán
A Semana Santa leva meses marcada en vermello nos calendarios das autoridades sanitarias. Estes días adoitan ser un momento para a realización de viaxes, encontros familiares e retornos de estudantado ás súas localidades de orixe. Unha gran mobilidade que sempre supón un risco engadido para a propagación do coronavirus. Non é equiparable ao Nadal (cando practicamente todo o mundo leva a cabo celebracións familiares), pero supón o reto máis importante para a contención da pandemia ata a chegada do verán.
Hai, polo tanto, cautela e medo ante a chegada dunha cuarta vaga (de maior ou menor importancia), un incremento de casos que xa se está a producir de forma moi importante na maior parte de Europa, especialmente en Francia, Polonia, Bélxica, Países Baixos, Italia, Alemaña ou Suecia e tamén en América Latina, motivada en boa medida polo predominio das novas variantes do virus, máis contaxiosas.
Hai cautela e medo ante a chegada dunha cuarta vaga (de maior ou menor importancia), un incremento de casos que xa se está a producir de forma moi importante na maior parte de Europa
Con todo, as boas novas son que -de momento- os datos non amosan un empeoramento da situación en Galicia (como, en cambio, si o fan noutras comunidades autónomas, como Madrid). O número de novos casos rexistrados segue a ser baixo, cunha media semanal de novos diagnósticos diarios que este venres se sitúa en 118. Galicia presenta nestes momentos a Incidencia Acumulada a 7 días máis baixa dende mediados de agosto. No último día notificáronse 115 novos diagnósticos de Covid-19, 95 deles detectados por proba PCR nas últimas 24 horas.
Galicia presenta nestes momentos a Incidencia Acumulada a 7 días máis baixa dende mediados de agosto
A taxa de positividade mantense en niveis reducidos, cunha porcentaxe de probas PCR positivas que se move entre o 2% e o 3%. O número de probas realizadas cada día é notablemente inferior ao do meses de xaneiro e febreiro, pero aínda rolda os cinco mil tests diarios, un número semellante ao do pasado outono.
No último día sumáronse dúas novas mortes causadas pola Covid-19, que elevan a 2.331 a cifra total de persoas falecidas en Galicia dende o inicio da pandemia.
Beade será a partir do luns o único concello no nivel máximo de restricións e, polo tanto, con peche perimetral
Beade será a partir do luns o único concello no nivel máximo de restricións e, polo tanto, con peche perimetral. Vén de anuncialo a Consellaría de Sanidade despois da xuntanza do Subcomité Clínico. No nivel alto estarán Maside, Vilardevós, Cortegada, Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Baiona, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Padrenda. E no nivel medio ficarán Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia.
O resto de Galicia quedará incluída no denominado nivel "medio baixo". Estas medidas entrarán en vigor ás 0 horas do domingo ao luns
138 concellos non rexistraron ningún novo positivo de Covid-19 nos últimos 14 días. 178 localidades non tiveron casos novos na última semana
Na analise da incidencia acumulada por concellos, tan só Beade e Silleda presentan datos por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Ademais, outras seis localidades sitúanse entre 250 e 500. Sanxenxo rolda tamén os 250 casos por cada 100.000 habitantes, despois dun empeoramento rexistrado na última semana.
En cambio, 138 concellos non rexistraron ningún novo positivo de Covid-19 nos últimos 14 días. 178 localidades non tiveron casos novos na última semana. Existe o risco, con todo, de que a mobilidade que se producirá durante a semana leve de novo o virus a estes concellos, como xa sucedeu durante o Nadal.
Vigo está a incrementar dende hai días o seu número de casos
Nas cidades, A Coruña continúa a ser a urbe cunha maior incidencia, con 155 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. A cidade herculina mellora de vagar os seus datos, pero aínda se sitúa moi por riba do resto, entre as que Vigo está a incrementar dende hai días o seu número de casos. Lugo e Ourense, en cambio, presentan incidencias acumuladas por debaixo de 50.
Nos hospitais a grave situación que se viviu no mes de xaneiro e comezos de febreiro continúa a mellorar
Finalmente, no que atinxe aos hospitais, a grave situación que se viviu no mes de xaneiro e comezos de febreiro continúa a mellorar. Con todo, hai aínda 36 pacientes enfermos de Covid-19 nas UCI e un total de 214 persoas hospitalizadas con diagnóstico positivo. A cifra é semellante á que se rexistraba a comezos do pasado mes de setembro.