A incidencia do coronavirus xa non descende en Galicia, agás lixeiras mudanzas puntuais. Pero, cando menos de momento, as cifras de novos casos e, por extensión, das incidencias acumuladas, tampouco experimentan ascensos. É a situación un mes despois do inicio da terceira desescalada das restricións da Xunta pola COVID-19 e, á espera de que os datos comecen a reflectir os contaxios que se producisen na ponte de San Xosé, é o escenario co que o país afronta unha Semana Santa na que o groso das medidas non vai mudar.
Tras unha xornada de filtracións a respecto de eventuais cambios no horario do toque de recollida ou nos límites para o peche de determinadas actividades económicas, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, comparecían ao remate do Consello Interterritorial de Saúde -órgano participado polas comunidades autónomas e o Goberno de España- para ratificar que o plan pactado hai dúas semanas e en vigor dende o pasado 19 de marzo (no caso galego, sen interrupción na presente semana) será o que se aplique na Semana Santa.
As restricións xerais continúan sendo as pactadas antes de San Xosé, co peche perimetral autonómico, o toque de recollida de dez da noite a seis da mañá e o veto aos encontros de non conviventes en domicilios privados
Nun escenario definido por Darias como de "máxima alerta" ante un "posible cambio de tendencia" na evolución da pandemia no conxunto do Estado -en diversas comunidades autónomas estanse a rexistrar repuntas de incidencia-, no caso galego, alén de eventuais mudanzas no mapa de restricións por concellos que poidan ser introducidas na propia Semana Santa (o comité clínico vólvese reunir o martes), as restricións xerais para a Semana Santa serán as xa vixentes. Isto é, o peche perimetral de Galicia, o toque de recollida de dez da noite a seis da mañá, a limitación de encontros entre non conviventes a 6 persoas no exterior, a 4 en espazos pechados de acceso público, manténdose prohibidos nos domicilios privados. [MAPA INTERACTIVO | Podes consultar aquí o nivel no que queda cada concello e as restricións aplicadas en cada lugar]
A ministra Darias si especifica, non obstante, que a Comisión de Saúde Pública do propio Consello Interterritorial revisará este venres o esquema xeral de restricións e recomendacións vixente para o conxunto do Estado dende o pasado outono. Ese documento, admite, podería experimentar algunhas variacións cara ás vindeiras semanas ou meses.
Unha "meseta" de novos casos e incidencia
As cifras de novos casos de Covid-19 detectados en Galicia mantiveron no último día a estabilidade das semanas anteriores. Engadíronse un total de 133 novos positivos, 124 deles diagnosticados por proba PCR nas últimas 24 horas. A media diaria de novos casos na última semana móvese nese nivel (123,71), mantendo cifras moi semellantes dende o 7 de marzo.
Dende o Sergas quere lanzarse unha mensaxe de "prudencia" de cara á Semana Santa, na que se espera un incremento da mobilidade, o que podería incrementar os contaxios
Esta estabilidade foi destacada este mércores pola mañá polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que sinalou que nos atopamos nunha "situación de meseta" na que, a pesar de que xa finalizou a tendencia de descenso iniciada nos últimos días de xaneiro, aínda non se advirte un aumento claro e sostido. Ademais, o número reprodutivo básico mantense dende hai 3 ou 4 semanas por debaixo de 1, o que amosa unha diminución da velocidade de transmisión do virus.
Con todo, dende o Sergas quere lanzarse unha mensaxe de "prudencia" de cara á Semana Santa, na que se espera un incremento da mobilidade, o que podería incrementar os contaxios. Os responsables da Consellaría de Sanidade puxeron como exemplo o aumento no número de positivos detectados nos últimos días en dúas localidade litorais que reciben moitos visitantes foráneos, como Sanxenxo, que pasou de 8 a 24 casos en poucos días, ou Baiona, onde medrou dende cero casos ata 18 casos.
Sanidade lembra que a chegada dunha cuarta vaga é unha posibilidade real, e lembra que hai formas de evitala ou de cando menos minimizala na medida do posible
As autoridades sanitarias galegas alertan que a chegada dunha cuarta vaga é unha posibilidade real, e lembraron que hai formas de evitala ou de cando menos minimizala na medida do posible: con precaucións e evitando comportamentos de risco. Pedro Rascado, médico do CHUS e asesor da Consellaría de Sanidade, subliñou o efecto negativo que poden ter todo tipo de "incumprimentos", dende os máis graves ata os máis cotiáns, como as xuntanzas de amigos sen máscara de protección ou as visitas a outras casas nas que tampouco se emprega a máscara nin se ventilan os espazos.
A incidencia acumulada a 14 días sitúase en Galicia nos 75 casos por cada 100.000 habitantes, mantendo unha tendencia á baixa que vén freando na última semana
A taxa de positividade mantense en niveis reducidos, cunha porcentaxe de probas PCR positivas lixeiramente por riba do 2% na media da última semana. O dato está a medrar de forma paseniña dende hai días, pero de momento mantense en cifras moi baixas. Pontevedra, Vigo e Santiago son as áreas sanitarias con datos máis elevados, pero superando por pouco o 3%.
A incidencia acumulada a 14 días sitúase en Galicia nos 75 casos por cada 100.000 habitantes, mantendo unha tendencia á baixa, ralentizada na última semana. A incidencia acumulada a 7 días (situada nos 35 casos) case non experimentou variación nos últimos 15 días, pero de momento non amosa indicios de ascenso, como si está a suceder noutros territorios do Estado.
138 localidades non tiveron ningún novo diagnóstico de Covid-19 nos últimos 14 días
A incidencia acumulada mantén unha tendencia á baixa na maior parte de Galicia. Tan só Beade presenta unha IA a 14 días superior aos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes e Vilardevós e Silleda superan os 500. Outros cinco concellos atópanse entre 250 e 500.
138 localidades non tiveron ningún novo diagnóstico de Covid-19 nos últimos 14 días e 181 non notificaron ningún caso nos últimos sete días.
A Coruña segue a ser a cidade con peores datos, cunha incidencia acumulada de case 155 casos por cada 100.000 habitantes
En canto ás cidades, A Coruña segue a ser a que presenta peores datos, cunha incidencia acumulada de case 155 casos por cada 100.000 habitantes. Con todo, a urbe herculina presentan unha clara tendencia á baixa dende hai semanas. Por debaixo dos 100 casos están o resto de cidades, encabezadas por Vigo e Ferrol. Lugo, Ourense e Pontevedra teñen unha IA inferior aos 50 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Todas amosan unha grande estabilidade nos últimos días, aínda que Vigo e Pontevedra están a aumentar de vagar.
O número de pacientes COVID-19 nas UCI é de 39, o número máis baixo dende outubro
Finalmente, no que atinxe á situación hospitalaria, o número de camas ocupadas continúa a descender dende os elevadísimos niveis acadados no pico da terceira vaga, a finais de xaneiro e comezos de febreiro. O número de pacientes Covid-19 nas UCI é de 39, o número máis baixo dende outubro. Ademais, a cifra total de camas ocupadas por persoas cun diagnóstico positivo baixa ata 237, tamén nun nivel inferior ao acadado en decembro e semellante ao que se rexistraba no outono, xusto antes do inicio da segunda vaga.