A incidencia da COVID en Galicia mantén o menor nivel dende agosto tras un mes de 'desescalada'

Un traballador do Sergas, durante un cribado da COVID en Culleredo o pasado febreiro © Concello de Culleredo

A chaira continúa. O Servizo Galego de Saúde engadiu este martes, 23 de marzo, 90 casos novos da COVID-19 ao seu cómputo, os detectados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, día 22. É unha cifra practicamente idéntica á reportada o pasado 8 de marzo, con 88 casos, o que supón situarse nos niveis máis baixos dende agosto de 2020 no que atinxe casos rexistrados nun destes ciclos de vinte e catro horas (de seis da tarde a seis da tarde).

O Sergas suma 90 casos novos e a media semanal segue estable tras varios días con diminución de probas PCR por mor da ponte festiva

En termos de días naturais, as magnitudes son semellantes. O sábado, día 20, foron detectados 87 casos novos e o domingo, 92. Na fin de semana previa foran 116 e 106, respectivamente. Con estas magnitudes, a media semanal de diagnósticos mediante PCR mantense practicamente inalterada e segue arredor dos 130 ao día. Todo, cando está a piques de cumprirse un mes dende o comezo da terceira desescalada de restricións.

Como en todos estes últimos días cómpre ter en conta, non obstante, unha variable moi relevante á hora de analizar os datos. O feito de que o festivo do 19 de marzo cadrase inmediatamente antes dunha fin de semana provocou que o efecto fin de semana traducido nunha diminución no número de probas PCR procesadas fose especialmente significativo. Non en van, tanto o sábado 20 como o domingo 21 foron as xornadas con menos probas PCR procesadas dende o pasado outono. 

As taxas de positividade das PCR mantéñense en niveis moderados, un chisco por riba do 2%, malia procesárense menos test nos últimos días

Neste sentido, non é descartable que un incremento do ritmo na realización de probas traia, co avance da semana, un afloramento de máis casos. Así e todo, as taxas de positividade destes test (a porcentaxe das que dan positivo) mantéñense en niveis baixos, cunha liña lixeiramente ascendente pero sen apuntar a un rebrote brusco da pandemia. Cos últimos datos dispoñibles, a positividade media a 7 días das probas PCR para toda Galicia rolda o 2,4%, o que implica continuar en menos da metade da positividade que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio, o 5%.

Neste contexto, a tendencia á estabilidade continúa tamén no número de casos considerados "positivos activos", que seguen trazando lixeiros descensos, aínda que cada vez máis moderados. Así, o dato completo do domingo 21 indicaba 2.505 positivos activos e o último dispoñible, o do luns ás seis da tarde, era de 2.490. Non obstante, esta última cifra é un chisco superior á das seis da tarde do domingo, situado en 2.481. Estas disparidades débense á hora en que son tramitadas determinadas altas epidemiolóxicas e non implican, cando menos de momento, unha mudanza de tendencia significativa.

Sen grandes mudanzas no mapa de incidencia á espera do comité

En 133 concellos non se rexistraron casos novos en dúas semanas e ata 180 non tiveron ningún nos últimos sete días

A estabilidade continúa sendo tamén a tónica dominante no número de concellos sen novos casos do coronavirus rexistrados en 14 días, 133 (+2) e nos que non tiveron caso ningún rexistrado na última semana, 180 (+4). Si se aprecian, non obstante, algúns lixeiros empeoramentos nas incidencias de áreas como varios concellos do sur da provincia de Lugo ou puntos concretos da provincia de Ourense ou do Salnés. Mentres, a situación tende a mellorar lixeiramente na área onde as altas incidencias máis se resistían a baixar, a da Coruña.

Estes serán os datos que teña sobre a mesa o comité no que o Goberno galego aborda as restricións pola COVID-19, que volve reunirse este martes e no que, segundo avanza a Consellería de Sanidade, as únicas eventuais novidades terán que ver co cambio de nivel de restricións nalgúns concellos concretos -na actualidade, o máximo nivel de restricións só atinxe a tres municipios-.

A cidade da Coruña logra afastarse dos 200 casos por cada cen mil habitantes mentres Santiago acumula varios días cun lixeiro empeoramento da súa incidencia acumulada

O comité revisará tamén uns datos de incidencia que, para o conxunto de Galicia, seguen igualmente estables ou mesmo con lixeiros descensos. Así, o número de casos novos por cada cen mil habitantes a catorce días baixa un chisco dos 75 e a incidencia a 7 días rolda os 32. O feito de que a incidencia a 7 días sexa menos da metade que o indicador a 14 apunta a que, cando menos polo momento, a tendencia xeral é estable ou lixeiramente descendente.

No que atinxe ás sete principais cidades, habitualmente sinaladas pola Xunta como termómetro da situación xeral, a estabilidade segue sendo a tónica dominante, aínda que con algunhas excepcións. Así, a cidade da Coruña semella lograr afastarse de vez dos 200 casos por cada cen mil habitantes a 14 días tras retomar a senda descendente e mellora, ademais, a súa incidencia a 7 días. Na banda contraria, Santiago acumula xa cinco días coa incidencia a 7 días en ascenso, o cal xa provoca a interrupción da baixada da súa incidencia a 14 días. Os datos máis baixos a 14 días seguen en Lugo e Ourense.

Volve o descenso á hospitalización

Como era previsible, o primeiro día laborable tras a ponte festiva trouxo tamén consigo un novo alivio nas cifras de hospitalización, toda vez que en domingos e festivos adoitan tramitarse menos altas. Así, o total de persoas con test positivo do coronavirus ingresadas nos hospitais queda en 249 (-15), doce menos en unidades de hospitalización ordinaria e 3 menos en unidades de coidados intensivos. Esta cifra global é de 64 ingresos menos que unha semana antes e tamén a máis baixa dende o 12 de outubro. Está aínda, non obstante, lonxe das rexistradas durante o verán, cando o nivel de casos novos era semellante ao actual.

Como en xornadas anteriores, tamén amosan sinais de acougo os indicadores de mortalidade. O cómputo oficial reflicte agora un falecemento máis e o total chega a 2.321. Nos últimos sete días con datos completos, Galicia rexistra unha media de algo máis de dúas mortes diarias de persoas que contraeran a COVID-19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.