Galicia suma 37 novos positivos de coronavirus confirmados, pero cada vez realiza menos probas PCR

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Nas últimas 24 horas Galicia sumou outros 37 diagnósticos de coronavirus a través de PCR, a proba máis fiable. A cifra é superior á de onte (32), pero mantense na liña descendente das últimas xornadas: dende o pasado domingo ningún día se notificaron máis de 50 casos. 

A incidencia da enfermidade (medida no número de novos positivos diarios por cada 100.000 habitantes) achégase aos 30 casos nos últimos 14 días, situándose en 32,15, preto da media española

Isto fai que a incidencia da enfermidade (medida no número de novos positivos diarios por cada 100.000 habitantes) se achegue aos 30 casos nos últimos 14 días, situándose en 32,15. Este indicador mantense dende hai unha semana en cifras moi semellantes á media española (32,70) e Galicia é a terceira comunidade autónoma que pasou na súa integridade á Fase 1 que presenta un número maior de positivos diarios, só por detrás de Navarra e A Rioxa.

Ademais, no último día notificáronse outros 31 positivos de coronavirus a través de probas realizadas cos diversos tipos de test anticorpos. No caso destes coñecidos como test rápidos, os datos non son necesariamente do último día e a súa fiabilidade é relativa. O número é moi inferior ao que se viña rexistrando nos días previos, movéndose na última semana entre 54 e 111.

Es domingo notificouse unha nova morte dun paciente con coronavirus en Galicia, rexistrada nunha residencia

Es domingo notificouse unha nova morte dun paciente con coronavirus en Galicia, rexistrada nunha residencia. A cifra total elévase a 592. Nos últimos sete días houbo un total de 29 falecementos.

En total, segundo a información da Consellería de Sanidade, en Galicia hai nestes momentos 2.703 "casos activos" de coronavirus (sumando pacientes hospitalizados e aqueles casos máis leves que se atopan nos seus domicilios), 55 menos dos que había o sábado. 2.498 destes casos son leves, pacientes que se atopan nos seus domicilios. A cifra do que o Sergas segue denominando "curacións", pero que tamén reflicten negativos de test rápidos -como detalla o Ministerio, que as denomina "infeccións resoltas"- chega ás 7.347.

Seguen entrando pacientes con coronavirus nos hospitais: nas últimas 24 horas foron 10 persoas, e 2 ingresaron na UCI

Seguen entrando pacientes con coronavirus nos hospitais: nas últimas 24 horas foron 10 persoas, e 2 ingresaron na UCI. O número total de pacientes en UCI aumentou en un, ata os 25. No resto de unidades hospitalarias, as persoas ingresadas con coronavirus manteñen o seu descenso, ata as 180.

Porén, cómpre ter en conta que non todas as reducións significan necesariamente que se trate de pacientes de alta hospitalaria, xa que as novas normas do cómputo do coronavirus implican que un paciente con test negativo deixa de figurar na estatística da covid-19 aínda que sexa preciso que siga ingresado.

As residencias de maiores e de atención a persoas dependentes suman un total de 556 casos activos (eran 584 este venres). A cifra chegou a ser a máis de 1.400 a mediados do mes de abril. Entre os casos que seguen activos, 263 corresponden a usuarios e usuarias de residencias de maiores, 187 a traballadoras e traballadores, 72 a usuarios e usuarias dos CAPD e 34 ao seu persoal.

Por sétimo día consecutivo, o número de probas PCR realizadas en Galicia foi inferior ás dúas mil

Por sétimo día consecutivo, o número de probas PCR realizadas en Galicia foi inferior ás dúas mil. Nas últimas 24 horas notificouse unha cifra de 1.669, semellante á dos días anteriores. A media da última semana foi de 1.674, moi inferior á media da semana anterior (2.489) e da anterior (3.139).

A proporción de PCR que teñen un resultado positivo foi este domingo do 2,2% e a media dos últimos sete días se situou no 2,6%. A porcentaxe é inferior á que se rexistraba na segunda quincena de abril (movíase entre o 4% e o 5%), pero o descenso está a ser lento.

Nas últimas 24 horas as cifras descenderon en todas as áreas, agás na de Santiago, que vén experimentando un rechamante incremento nos últimos días

Do total dos 2.703 "casos activos" de coronavirus que se notifican este domingo en Galicia, 635 son da área sanitaria da Coruña, 161 da de Lugo, 407 da de Ourense, 142 da de Pontevedra, 725 da área de Vigo, 525 da de Santiago, e 108 da de Ferrol.

Nas últimas 24 horas as cifras descenderon en todas as áreas, agás na de Santiago, que vén experimentando un rechamante incremento nos últimos días. Hai sete días o número de casos activos na área de Compostela era de 475, 50 menos que na actualidade. Neste tempo, as seis áreas restantes viron diminuír notablemente as súas cifras (136 casos menos na Coruña, 61 menos en Lugo, 206 menos en Ourense, 44 menos en Pontevedra, 48 menos en Vigo, e 39 menos en Ferrol).

Isto fixo que nos últimos días a incidencia do coronavirus na área sanitaria de Santiago se situase como a terceira maior en toda Galicia, moi preto xa dos datos de Vigo e de Ourense, que en todo caso segue a ser o territorio de Galicia con máis casos activos por habitante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.