Galicia suma só un novo diagnóstico de coronavirus noutra xornada sen mortes pola enfermidade

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia só sumou un novo diagnóstivo por coronavirus detectado nas últimas 24 horas, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, nunha estatística que confirma a redución da incidencia da enfermidade no último mes e a ausencia de rebrotes da enfermidade, a pesar da progresiva recuperación da mobilidade e da actividade económica.

Este venres non hai que sumar ningún novo falecemento por coronavirus, por oitava vez dende o inicio da pandemia en Galicia. A cifra total segue fixada nas 615 mortes

Dende o pasado domingo non houbo ningún día no que se rexistrasen máis de 7 novos casos de coronavirus detectados por PCR, a proba máis fiable e que ademais permite fixar con exactitude o inicio e o estado da infección. Os datos fornecidos pola Xunta, que premiten coñecer tamén os positivos detectados por proba de detección de anticorpos, suman este venres 20 novos positivos por coronavirus, pero que poden corresponder a contaxios de varias semanas atrás.

Ademais, este venres non hai que sumar ningún novo falecemento por coronavirus, por oitava vez dende o inicio da pandemia en Galicia. A cifra total segue fixada nas 615 mortes. O Ministerio de Sanidade recolle seis falecementos de persoas coronavirus en Galicia na última semana.

Estes datos favorables permiten que a incidencia da enfermidade, medida no número de casos por cada 100.000 habitantes, se manteña nos 3,11 casos nos últimos 14 días (84 casos), fronte a unha incidencia media no conxunto do Estado de 14,79 casos, que elevan sobre todo as cifras de Cataluña, Madrid e Castela-León.

En Galicia só se detectaron 15 casos cuxos síntomas comezaran nos últimos 14 días, e apenas 3 casos con síntomas iniciados nos últimos 7 días

A estatística do Ministerio de Sanidade recolle tamén a incidencia acumulada nos últimos sete días, se que sitúa en Galicia nos 1,04 casos por cada 100.000 habitantes, cun total de 28 casos na última semana. Isto permite detectar con máis facilidade a existencia de novos focos de contaxio e rebrotes. 

Máis preciso aínda é o indicador do número de casos diagnósticos cuxos síntomas se iniciaron hai 7 ou 14 días. En Galicia, por exemplo, só se detectaron 15 casos cuxos síntomas comezaran nos últimos 14 días, e apenas 3 casos con síntomas iniciados nos últimos 7 días.

Cando conclúa a revisión que o Ministerio ten en marcha, será posible coñecer as mudanzas na serie histórica galega, xa que a Xunta non divulga a súa. Mentres, o departamento estatal especifica que está a "realizar unha validación individualizada dos casos", polo que as discrepancias na información aínda poden continuar durante varios días.

O Sergas rexistra 773 casos activos de coronavirus en todo o país

Mentres, os datos do Sergas deste venres seguen a achegar a información dos denominados "casos activos" de coronavirus. Este indicador segue baixando e sitúase nos 773 casos, dos que a maioría son pacientes que se atopan nos seus domicilios, con síntomas leves (731). 

A Consellería de Sanidade tamén ofrece datos sobre os pacientes "curados", persoas que superaron a enfermidade. Son xa 9.896, nunha cifra que nun par de días chegará xa aos dez mil. En total, o número de positivos acumulados sitúase xa nos 11.284.

Ao non existir novos falecementos nas últimas vinte e catro horas, o número total de persoas cuxa morte o Sergas dá como certificada pola covid-19 continúa sendo de 615, das cales 272 viviran en residencias de maiores e dependentes. O Ministerio de Sanidade, pola súa banda, só dá por acreditadas polo momento 608 mortes en Galicia por mor da pandemia e indica que 6 delas foron nos últimos sete días, aspecto este último no que coincide co Sergas.

Tamén segue a descender o número de pacientes hospitalizados que constan como casos positivos de coronavirus. En Galicia son 42, 5 en UCI e o resto en unidades convencionais. É o número máis baixo de persoas en coidados intensivos con test positivo dende o 13 de marzo.

Nas últimas 24 horas un paciente tivo que ser ingresado nalgún dos hospitais galegos infectado polo coronavirus. Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, nos últimos sete días só se rexistrou un ingreso hospitalario de pacientes con coronavirus en Galicia, que tivo que ser dirixido á UCI. 

Igualmente, continúa a mellorar a situación nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, que suman menos de cen casos (98) por primeira vez dende marzo. O 25 de marzo había xa 125 casos activos de persoas nestas instalacións e a cifra total chegou a superar os mil infectados. A maior parte corresponden a usuarios das residencias da terceira idade (39) ou ao seu persoal (40).

Por áreas sanitarias, dos 773 casos activos de coronavirus, 179 son da área da Coruña, 49 da de Lugo, 89 da de Ourense, 30 da de Pontevedra, 266 da área de Vigo, 139 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

A área de Vigo, que nos últimos días rexistrara un incremento dos casos activos, volve descender lixeiramente. Con todo, as estatísticas do Ministerio de Sanidade, que amosan con precisión os casos detectados nos últimos días e, igualmente, os casos con síntomas iniciados recentemente, permiten en principio descartar que estes incrementos na área de Vigo se debesen a contaxios novos, indicando que probablemente se deban a casos antigos, detectados por test de coronavirus.

En calquera caso, a área viguesa é con claridade a que rexistra un número maior de positivos activos en Galicia neste momento, moi por diante da Coruña e Santiago. No que atinxe á incidencia (casos por habitantes) tamén Vigo é que presenta as maiores cifras, por diante das áreas coruñesa e santiaguesa. Ourense, en cambio reduciu rapidamente as súas cifras nas últimas semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.